11 de septiembre de 2024
A alcaldesa presentou a estratexia, vertebrada en cinco áreas: persoal e formación, reforzo da presencia policial, policía comunitaria e mediación, reforzo tecnolóxico e vertente social
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá o novo Plan de Seguridade posto en marcha para a mellora continua da seguridade cidadá na Coruña. Rey, acompañada da concelleira de Seguridade e Interior, Montserrat Paz, detallou as medidas da nova estratexia: "Somos conscientes de que a seguridade é un dos temas que preocupa á cidadanía e por iso estivemos traballando na posta en marcha dun Plan de Seguridade, efectivo desde hoxe mesmo".
O Plan de Seguridade recolle parte da acción incluída no Plan Local de Seguridade, xa en marcha en colaboración con resto de forzas e corpos de seguridade. As novidades presentadas teñen un dobre obxectivo: abordar a seguridade de forma integral e dotar aos veciños de maior información, contacto e interlocución coa policía local. Está vertebrado en cinco áreas principais: persoal e formación, reforzo da presencia policial, policía comunitaria e mediación, reforzo tecnolóxico e vertente social.
Reforzo do persoal e formación
A rexedora sinalou que "A Coruña precisa dun corpo policial moderno e competitivo" polo que impulsará a formación dos e das axentes en materia de novos fenómenos delictivos e formas de delincuencia. Lembrou que A Coruña conta dende outubro de 2023 con 40 novos e novas axentes de Policía Local: "Foi a maior incorporación dende 1992 e completou o cadro de persoal máis numeroso de Galicia" aseverou. Asemade, o Goberno local aprobou este ano unha OPE con preto de 20 prazas para Policía Local seguindo o obxectivo de ampliar e reforzar o servizo de referencia en Galicia.
Maior presenza policial na rúa
Reforzarase a presenza de patrullas a pé de rúa, incrementando en zonas comerciais e puntos identificados como sensibles (lugares e horas con maior presencia de persoas ou posibilidade de colisión de infraccións). Tamén serán considerados puntos críticos aqueles nos que existe unha maior alarma veciñal co obxectivo de mellorar a cota de seguridade.
Estratexia de Policía Comunitaria
A alcaldesa comprometeuse a reforzar a canle de comunicación creada coas entidades veciñais e asociacións de comerciantes con reunións co servizo de policía, nas que poidan facer as súas achegas e obter o punto de vista policial. Nese sentido, a alcaldesa anuncio a creación da Mesa de Seguridade e Convivencia da que formarán parte as entidades veciñais, comerciantes, hostaleiros e policía (local e nacional): "Reunirase trimestralmente para informar aos veciños e axentes da cidade da evolución da seguridade e recoller as súas suxestións e inquedanzas".
Rey sinalou que moitos dos conflitos teñen que ver coas comunidades de edificios. Así, o Concello porá en en marcha un convenio co Colexio de Avogados para asesorar as comunidades de veciños en materia de convivencia cidadá: "O que se pretende é que poidan recibir asesoramento sobre as actuacións legais que poden realizar respecto a actividades insalubres ou que perturban a convivencia das comunidades e asesorar aos propietarios dos trámites a realizar cando a súa vivenda ten sido ocupada" explicou a rexedora. Ademais, anunciou a creación dun novo servizo de mediación da policía local, que se encargará de potenciar a resolución de conflitos veciñais, especialmente os que xeren alarma veciñal. Os axentes contarán con formación especializada e servirán de enlace entre os veciños e o Concello.
Reforzo tecnolóxico
Co obxectivo de obter unha resposta máis áxil e eficaz por parte da Policía Local, a alcaldesa anunciou unha renovación do mapa de seguridade na cidade cos puntos sensibles e incidentes abertos en tempo real, a través dun mapa dinámico. Incorporarase a información que se obtén das reunións coas asociacións veciñais, comercios ou hostalería obridas forma habitual así como as suxestións que chegan ao Concello a través do 010 e do SYR e do mail da Policía Comunitaria: "O obxectivo que temos é mellorar este mapa para que ademais de que estea dispoñible na sala 092, as patrullas poidan acceder en tempo real". Ademais, o Concello traballa para a xeolocalización dos axentes a través dos seus teléfonos, de forma que desde a sala se poda avisar aos máis próximos á incidencia.
"Estamos a desenvolver novas ferramentas para que os axentes poidan acceder á aplicación da Eurocop desde a rúa e así poder ver os datos da plataforma sen ter que chamar á sala, renovando os smartphones policiais e adquirindo tablets para todos os vehículos do servizo" explicou. Tamén anunciou que o Goberno local está a traballar na posta en marcha dunha app de reforzo de seguridade nos comercios que permitiría a conexión inmediata dos comerciantes coa policía a través dos seus teléfonos móbiles. "Neste momento estamos a desenvolver a aplicación, pero a idea é que os comerciantes podan dar alerta á policía dun incidente a través dos seus teléfonos móbiles" indicou Rey.
Vertente social
Dende unha perspectiva social, Rey fixo fincapé no incremento do consumo de estupefacientes na cidade: "Isto está detrás de moitos pequenos furtos e incidentes que alteran a convivencia e por iso poremos en marcha un estudo coa universidade da Coruña para a elaboración dun Plan Local sobre drogas que estableza as accións a desenvolver en materia de prevención de drogodependencia e xestión das mesmas". Ademais, demandou unha maior implicación da Xunta de Galicia como responsable das competencias en sanidade.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible