15 de novembro de 2022
O lema deste ano, ‘Alto e Claro’, incide en subliñar a importancia de erradicar as actitudes machistas na mocidade
Charlas, obradoiros, teatro e un autobús informativo, entre as iniciativas para todas as idades que acollerá a cidade
A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, presentou esta mañá a campaña municipal do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. O lema deste ano, 'Alto e Claro', profundiza na necesidade de loitar contra a violencia de xénero desde as idades máis temperás e erradicar as actitudes machistas entre os máis novos.
"Por desgraza, e segundo estudos de organismos independentes e de prestixio como ANAR ou a Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), moitos homes novos non dan relevancia ou mesmo negan a existencia da violencia de xénero", explicou Neira. "A isto súmase a normalización dos celos como proba de amor ou mesmo o control por parte dos mozos das redes sociais ou o móbil das súas parellas", agregou.
"Por iso queremos dicir alto e claro que ignorar a violencia non é eliminala, que o consentimento é a base das relacións de parella e que é inaceptable tomar a broma determinadas actitudes machistas", explicou Neira. "Como di a campaña: todos temos que ser parte da solución, non do problema", engadiu.
Arredor desta campaña, o Concello deseñou unha programación de información e sensibilización cidadá con actividades para todas as idades. O día 25, ás 11.00 horas terá lugar a tradicional andaina que finalizará na explanada de Riazor, onde se formará un lazo humano e se levará a cabo a lectura dun manifesto. Ademais, do 21 ao 25 de novembro, un autobús violeta percorrerá distintos puntos da cidade ofrecendo contidos e actividades de participación sobre a violencia de xénero.
Están programadas charlas de expertos, dirixidas tanto ao público en xeral como especificamente para centros escolares. Entre os expertos están a psicóloga Diana Díaz Álvarez, directora das liñas de axuda da Fundación Anar; a socióloga Carmen Ruiz Repullo, especializada en violencia de xénero en mozos e adolescentes; e o sociólogo e traballador social Lluís Ballester Brage, que abordará o consumo de pornografía en liña entre os adolescentes.
Outro dos eixos das actividades serán os coloquios sobre literatura comprometida, nos que se debaterá sobre libros de temática feminista. Tamén o teatro estará presente entre as actividades coa obra 'A meniña que quería navegar', de Redrum Teatro, que ofrecerá dúas funcións: o 30 de novembro no centro cívico dos Mallos para alumnado de centros escolares e o 17 de decembro no mesmo recinto para o público en xeral. O programa complétase con actividades nos centros cívicos, na UAMI, e o Fórum Metropolitano.
Programación completa
CICLO DE CONVERSAS: "COMPROMETIDAS COA IGUALDADE".
Conversas nas que persoas especialistas en violencia de xénero e no traballo coa poboación adolescente, abordarán diferentes aspectos de interese relacionados coa detección, prevención e a intervención nesta materia.
Conversa con Diana Díaz Alvarez
Psicóloga, directora das liñas de Axuda do Teléfono/Chat ANAR da Fundación ANAR, entre elas, o Teléfono ANAR de Axuda a nenos/as e adolescentes (900 202 010) e o Teléfono ANAR da Familia e os centros escolares (600 505 152).
Título: Abordaxe da saúde emocional con menores vítimas de violencia de xénero e os abusos sexuais na infancia
Data: 21 de novembro
Horario: 18.30 a 20.00 h.
Lugar: salón de actos do Centro Cívico dos Mallos
Aberta a toda a poboación ata completar capacidade
Conversa con Carmen Ruíz Repullo
Socióloga especializada en violencia de xénero en adolescentes e mocidade.
Autora da "Historia de Pepe e Pepa" que serviu a moitas adolescentes para detectar que estaban sufrindo violencia de xénero e da "Escaleira cíclica da violencia de xénero en adolescentes".
Título: Coeducación e construción de relacións igualitarias
Data: 28 de novembro
(1ª sesión)
Horario: 10.00 a 11.30 h.
Lugar: salón de actos do Centro Cívico dos Mallos
Público destinatario: centros educativos da contorna coruñesa
(2ª sesión)
Horario: 17.30 a 19.00 h.
Lugar: auditorio do Fórum Metropolitano
Aberta a toda a poboación ata completar capacidade
Conversa con Lluís Ballester Brage
Sociólogo e traballador social experto na abordaxe de redes, pornografía e prostitución na mocidade e especialista en prevención familiar e intervención socioeducativa.
Título: As características, o consumo e as consecuencias da nova pornografía online entre adolescentes e mocidade
Data: 2 de decembro
(1ª sesión)
Horario: 10.00 a 11.30 h.
Lugar: Paraninfo do Reitorado. Rúa Maestranza, 9, 15001 A Coruña
Público destinatario: centros educativos da contorna coruñesa
(2º sesión)
Horario: 18.30 a 20.00 h.
Lugar: salón de actos do Centro Cívico dos Mallos
Aberta a toda a poboación ata completar capacidade
LITERATURA COMPROMETIDA: " Café literario: Comprometidas co bo trato".
Encontro en formato coloquio con autoras comprometidas coa Igualdade e a prevención da violencia de xénero.
Non é necesaria a lectura previa do libro para poder participar nos encontros literarios.
Nuria Coronado e Laura Strego
Obra "Lolita contra el lobo". Denuncia os abusos sexuais na nenez e a mocidade visibilizando este gran problema que segue estando moi oculto e que apodera o agresor.
Data: 18 novembro.
Horario: 19.00 a 20.00 h.
Lugar: Biblioteca municipal de Monte Alto
Aberto a toda a poboación ata completar capacidade (capacidade recomendada 30 prazas)
María Murnau
Autora do libro de poesía "No puedo vivir sin mi".
Esta obra presenta personaxes e situacións que materializan a renuncia persoal de moitas mulleres ante os desexos dos demais, a presión social e os estereotipos de xénero.
Data: 24 novembro.
Horario: 19.00 a 20.00 h.
Lugar: Centro de información ás Mulleres
Aberto a toda a poboación ata completar capacidade (capacidade recomendada 30 prazas)
Towanda Rebels (Teresa Lozano e Zua Méndez)
Coordinadoras do libro "No somos princesas, somos guerreras: cuentos feministas para un nuevo mundo". Contempla contos e relatos de varias autoras recoñecidas que abordan a violencia machista, a sexualización, os estereotipos de xénero ou o acceso á educación. Está dirixido a menores preferentemente a partir dos 9 anos.
Data: 12 decembro.
Horario: 19.00 a 20.00 h.
Lugar: Biblioteca municipal de Castrillón
Aberto a toda a poboación ata completar capacidade (capacidade recomendada 30 prazas)
AUTOBÚS ITINERANTE "Destino: parada violeta. Ruta ao bo trato"
Realización de paradas violetas en diferentes localizacións da cidade nas que o autobús será o contedor de actividades e dinámicas participativas que xirarán arredor da igualdade e a prevención da violencia de xénero.
Datas: do 21 ao 25 de novembro
Paradas en horario de mañá (09.00 a 14.00 h.)
Paradas en horario de tarde (17.00 a 19.30 h.)
Público destinatario: dirixida a públicos de todas as idades.
TEATRO "A nena que quería navegar". Compañía Redrum Teatro
Representación teatral que trata de visibilizar e abordar as consecuencias do acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e aumento da autoestima. Espectáculo optimista, colorista, emocionante e reflexivo no que se mesturan distintas disciplinas como os monicreques, o teatro de obxectos, as vídeo-proxeccións e a música en directo.
Realizaranse varias representacións.
Data: 30 de novembro
Horarios: dúas representacións, a primeira de 10.00 a 10.50 h e a segunda de 11.45 a 12.35 h.
Lugar: Salón actos do centro cívico dos Mallos
Público destinatario: alumnado de 3º e 4º de primaria dos CEIPS da cidade.
Data: 17 de decembro
Horario: 18.30 a 19.10 h.
Lugar: salón actos do centro cívico dos Mallos
Aberta a toda a poboación ata completar capacidade (de interese para público familiar)
ACTIVIDADES EDUCATIVAS NOS CENTROS DO SERVIZO DE CANGURAXE MUNICIPAL
Realización dun "pasapalabra" feminista e carteis, debuxos, postais, colaxes, a partir dunha actividade de contacontos baseada nos seguintes relatos:
Data: Do 21 ao 25 de novembro
Horario: de 15.00 /16.00 a 20.30 h segundo o horario de apertura de cada espazo.
Lugar: centros cívicos Castrillón, Labañou, Monte Alto, Novo Mesoiro, Os Mallos e Palavea.
Público destinatario: menores de idades comprendidas entre os 3.5 e 12 anos.
ACTIVIDADES EDUCATIVAS NA ESCOLA INTERCULTURAL DA UNIDADE DE ASESORAMENTO DE MIGRACIÓNS (UAMI)
Grupos de infantil
Obradoiro "Mellor entre todos e todas".
Traballaranse os estereotipos e roles de xénero a través dun conto: "El libro de los cerdos", de Anthony Browne.
Actividade: a través da lectura do conto reflexionarase sobre a experiencia que teñen as/os menores coas tarefas do fogar, axudando así a conciencialos/as da importancia da colaboración entre todos os integrantes da unidade familiar.
Grupos de primaria
Obradoiro "A flor do ben querer"
Traballaranse as condutas de bo trato nas relacións afectivas.
Actividade: realización dunha dinámica grupal construíndo unha flor onde cada pétalo reflexe unha desas conductas.
Grupos de ESO
Obradoiro "Desmontando realidades"
Traballarase a identificación de condutas machistas.
Actividade: analizaranse situacións cotiás vividas polo alumnado, propoñendo ferramentas e condutas que eviten a súa normalización.
Datas: 25 de novembro.
Horario: o habitual das clases.
CENTROS CÍVICOS MUNICIPAIS
Centro Cívico Castrillón
En colaboración con entidades da zona
Actividade: colocación dun lazo na escultura de Pablo Iglesias
Data: 25 de novembro
Horario: 11.00 h. (inicio da concentración)
Lugar: Praza Pablo Iglesias
Público destinatario: aberto a toda a poboación
Actividade: concurso de debuxo e fotografía
Exposición dos traballos realizados no centro cívico.
FÓRUM METROPOLITANO. Obra de teatro "Comando comadres" . Compañía Matrioska teatro
Data: 18 de novembro
Horario: 21.00 h.
Lugar: Auditorio do Fórum Metropolitano.
Público destinatario: poboación en xeral.
Entradas: 9 € poboación en xeral. As persoas maiores de 65 anos, desempregadas ou usuarios/as do carné Xove aboarán 7 €
ACTIVIDADES DEPORTIVAS
Andaina
Dirixida ás persoas participantes nas Escolas Deportivas Municipais.
Data: 25 de novembro
Horario: 11.00 h.
Lugar: saída da explanada de Riazor e da Torre de Hércules á mesma hora. As persoas participantes xuntaranse na fonte dos Surfistas e regresarán á explanada de Riazor.
Formación dun lazo humano
Data: 25 de novembro
Horario: 12.00 h.
Lugar: Palacio dos Deportes
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible