30 de octubre de 2024
Nereida Canosa: “Hematocrítico foi unha figura esencial que empregou o humor para achegarnos unha mirada crítica e positiva da realidade”
A vicevoceira anunciou esta mañá a mostra, organizada polo Concello en colaboración con HematoFesti, do 5 de novembro ao 6 de xaneiro no Palexco
A vicevoceira do Goberno, Nereida Canosa, anunciou esta mañá que o Concello lle renderá unha especial homenaxe a Miguel López, autor, mestre e humorista coñecido como "Hematocrítico" que faleceu de forma inesperada o pasado ano, deixando un importante legado tanto na literatura infantil como no humor e nas redes sociais. A mostra 'Hematocrítico Ilustrado', organizada polo Concello en colaboración con HematoFesti e comisariada por Matilde Rodríguez, abrirá ao público o próximo 5 de novembro na sala de exposicións de PALEXCO e poderá visitarse ata o 6 de xaneiro de 2025.
Canosa destacou o carácter entrañable e transformador do escritor: "Hematocrítico foi unha figura esencial que empregou o humor para achegarnos unha mirada crítica e positiva da realidade. Esta exposición é, ante todo, un recordo do seu inmenso talento e a súa capacidade para conectar co público máis novo, sen esquecer nunca o neno que todos levamos dentro".
'Hematocrítico Ilustrado' ofrece un percorrido visual e emocional pola obra do autor a través das ilustracións de grandes artistas cos que colaborou ao longo da súa carreira. A mostra inclúe traballos de recoñecidos ilustradores como Alberto Vázquez, Mar Villar, Paco Roca, Eugenia Ábalos, Olga Capdevila, Albert Monteys, Martín Romero, Laura Árbol e Cyntia Hierro. "Cada un deles achegará, mediante ilustracións orixinais, a súa visión sobre a obra de Hematocrítico, configurando un percorrido pola súa creación desde diferentes ópticas" sinalou a vicevoceira.
A exposición está organizada en varias seccións que exploran distintas facetas do seu traballo creativo. Un dos espazos máis destacados será a sección dedicada a 'El Hematocrítico del Arte', a obra coa que Hematocrítico alcanzou gran popularidade ao reinterpretar a arte clásica con humor e agudeza, consolidándose como unha figura de referencia na cultura contemporánea.
Para o público infantil, 'Hematocrítico Ilustrado' ofrece unha área didáctica onde nenos e nenas poden explorar a súa creatividade mediante actividades inspiradas nas súas historias, sempre protagonizadas por personaxes entrañables e divertidos. A mostra inclúe tamén unha 'Biblioteca Hemato', un espazo de lectura onde se poden descubrir os contos de Miguel, a súa imaxinación desbordante e a súa capacidade para tocar temas profundos desde a sinxeleza.
Nereida Canosa concluíu a súa intervención convidando a toda a cidadanía a visitar esta mostra pois "materializa o compromiso que adquiriu a nosa alcaldesa, Inés Rey, para manter vivo o legado e espírito de Miguel, lembrandro que o humor e a literatura son as mellores ferramentas para comprender e construír un mundo mellor".
9 de octubre de 2024
23 de septiembre de 2024
5 de septiembre de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible