2 de diciembre de 2024
O Goberno de Inés Rey avanza no seu plan para remodelar as rúas próximas á praza de Lugo, atendendo aos seus fluxos diarios de mobilidade e ao seu carácter comercial, pola proximidade do mercado municipal
O Goberno municipal ten rematado o proxecto para reurbanizar a rúa Paio Gómez, unha actuación que se levará a cabo nos vindeiros meses en liña coas xa executadas na contorna da praza de Lugo, como rúa Betanzos e Compostela.
Paio Gómez, que conecta directamente coa praza de Pontevedra, conta con dous carrís de circulación no mesmo sentido, ambos os dous en dirección á praza. Un deles, en superficie, mentres que o outro sae do túnel da praza de Lugo. O Concello manterá operativo este último, suprimindo o que vai en superficie para ampliar as beirarrúas e mellorar a accesibilidade nas beirarrúas do marxe dos impares, onde tamén se creará un parterre con arboredo e máis mobiliario urbano.
"O noso obxectivo é resolver as necesidades en materia de accesibilidade que se detectaron en Paio Gómez, un espazo que é eminentemente peonil", indicou a alcaldesa, Inés Rey, que expuxo que o mantemento do carril que baixa polo túnel da praza de Lugo é fundamental para garantir o traballo diario das e dos profesionais do mercado, tamén o desenvolvemento das tarefas asociadas á carga e descarga de mercadorías.
Ademais, no contexto da intervención tamén está previsto dotar a rúa Paio Gómez dunha nova rede de recollida de augas pluviais, que se habilitará no treito de beirarrúa ampliada.
Na entrada e saída a Paio Gómez, pasos peonís en elevación
A readaptación de Paio Gómez para mellorar o tránsito peonil tamén suporá a elevación dos pasos peonís existentes a un lado e ao outro da rúa.
Tanto no acceso de saída á praza de Pontevedra como no de entrada desde a praza de Lugo os pasos peonís terán o pavimento da calzada ao mesmo nivel có das beirarrúas. Ademais, no caso específico do cruzamento coa praza de Lugo e Fonseca, incrementarase a superficie do paso peonil, atendendo aos seus fluxos de mobilidade habituais.
Paio Gómez, tras as actuacións en Compostela e Betanzos
Nos últimos anos, o Goberno de Inés Rey actuou na contorna da praza de Lugo para adecuar as rúas próximas á realidade do seu día a día, ampliando os espazos públicos e dándolle prioridade a viandantes nun enclave da cidade cun claro impacto comercial.
Desta forma, primeiro acometeuse a peonalización da rúa Compostela e, xa posteriormente, executáronse melloras nas rúas Picavia e Betanzos, onde tamén se ensancharon as beirarrúas e renovaron os pavimentos, facéndoos máis accesibles e apostando por materiais máis duradeiros, entre outras medidas.
"Isto é precisamente o que faremos en Paio Gómez. Os informes técnicos apuntan a que é necesario substituír as baldosas, pola deterioración experimentada ao longo do tempo, e a previsión é dispor lousas de granito gris idénticas ás das rúas Compostela e Picavia, dando así unha continuidade estética a esta parte do Ensanche", apuntou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible