Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

14 de abril de 2025

O Corufest 2025 reivindica, do 8 ao 18 de maio, a identidade, a diversidade e a memoria a través da arte e a cultura

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a programación completa desta oitava edición, cunha quincena de propostas culturais e artísticas de teatro, danza, performance e literatura

Corufest, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual, celebra este ano a súa oitava edición entre os próximos días 8 e 18 de maio cunha quincena de actividades culturais e artísticas que achegarán á cidade da Coruña figuras emerxentes e consolidadas das artes escénicas e do activismo cultural pola diversidade sexual. As entradas para os espectáculos están xa dispoñibles a través de Ataquilla. O evento foi presentado esta mañá en María Pita, nun acto no que interveu o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, xunto aos directores artísticos do Corufest, Gustavo del Río e Xosé Leis.

"Desde o Goberno de Inés Rey continuamos achegando á cidadanía unha oferta cultural e de ocio diversa, apostando por iniciativas que creen conciencia e fomenten a igualdade", sinalou Gonzalo Castro. O Corufest 2025 desenvolverá a súa programación en diversas sedes da cidade, grazas ao apoio do Concello da Coruña, dando visibilidade a un amplo abanico de propostas artísticas innovadoras relacionadas coa identidade, a diversidade e a memoria, co fin de promover, un ano máis, a reflexión e o debate arredor destes temas. Nesta edición, o festival centrarase en explorar identidades, recuperar relatos históricos e xerar novas narrativas desde a arte e a cultura.

O Corufest abrirá a súa programación o xoves 8 de maio, ás 19.00 horas, coa inauguración na Casa Museo Casares Quiroga da exposición 'Inevitable', unha crítica social pola liberdade sexual e de xénero onde usuarios e usuarias do Obradoiro Daulloa para persoas con discapacidade con sede en Monterroso (Lugo) reinterpretan a bandeira do colectivo para mostrar 13 situacións catalogadas "de seria gravidade" polo colectivo.

Ao día seguinte, o venres 9 de maio, o Centro Ágora acollerá, ás 20.30 horas, a gala inaugural do festival, coa presentación da programación completa e a actuación da transformista, actriz e monologuista Muna Duval, que interpretará varios extractos da súa obra 'Azules y maricones'. A música, pola súa banda, virá da man do dúo galego Abril, que destaca por reinterpretar o folclore galego desde unha óptica actual.

Durante o acto terá lugar tamén a entrega do recoñecemento Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade do colectivo, que este ano recaerá sobre a Asociación ALAS A Coruña, polo seu papel fundamental na defensa dos dereitos do colectivo e na loita pola xustiza tras o asasinato de Samuel Luiz, que tivo lugar na Coruña en xullo de 2021.

Os dereitos serán os protagonistas do encontro que terá lugar o sábado día 10 no espazo Cultural Galgo Azul (12.00 horas. nunha charla co activista palestino Murad Odeh, á que seguirá a presentación do libro 'Vida y legado de Pedro Zerolo', de Miguel A. Fernández. O mesmo día, pola noite, o pub Claro Boba abrirá as súas portas para acoller a festa do Corufest 2025, cun espectáculo drag preparado para a ocasión.

O periodista, escritor, locutor e guionista Bob Pop subirase o domingo 11 de maio ao escenario do Teatro Rosalía Castro (20.30 h) xunto ao demandante Daniel Bayona con 'Hablar no sirve. De Nada', unha peza sobre dependencia, vulnerabilidade e a incomodidade que xera tanto o escenario como a vida mesma. A través dun relato íntimo e provocativo, a obra explora temas como o amor, o corpo, o sexo, as palabras ou o tempo.

A programación do Corufest levará este ano a memoria aos máis pequenos e pequenas coa peza teatral 'caLORCAlor', de Guayomini Producións, na que dous actores buscan, a través desta comedia interactiva, reivindicar a figura de Lorca. A obra terá lugar o mércores 14 de maio no Teatro Colón (12.00 horas) cunha función programada para centros escolares da cidade.

Ese mesmo día, pola tarde, o Centro Cívico Cidade Vella acollerá ás 19.00 h un encontro con TRC Danza xunto a Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir, creadores de 'Mónica'.

O xoves, 15 de maio, terá lugar a presentación do catálogo 'Propuestas artísticas para una nueva arquitectura social', no que un repertorio de artistas, creadores e pensadores españois ou residentes en España traballan, crean e investigan sobre ou desde a diversidade ou a disidencia sexual e cuestións de xénero. O encontro, programado ás 19.00 horas na Casa Museo Casares Quiroga, contará coa presenza do seu autor, César Espada, a artista Petra Iglesias (@pretaporterr) e Julio del Valle de Íscar, director xeral para a Igualdade Real e Efectiva das Persoas LGTBI+.

Ese mesmo xoves, o centro Ágora acolle, ás 20.30 horas, a obra 'Hermafroditas a caballo o la rebelión del deseo', do colectivo Que No Saia de Aquí. Con ferramentas do teatro documental, a performance, o conto de ciencia ficción e o freak show, a peza aborda a vivencia das intersexualidades en primeira persoa e propón a fundación dunha nova orde afastada dos esquemas rixidamente duais.

Primeiro encontro de creadores

Como novidade deste ano, o Corufest celebrará o Primeiro encontro de creadores e creadoras do colectivo, que debaterán arredor da programación sobre a realidade no ámbito da creación, o venres 16 de maio, ás 12.00 h, en Galgo Azul Espazo Cultural.

O festival conta un ano máis co apoio do programa TRC Danza, que traerá ese mesmo venres ao Teatro Rosalía Castro o espectáculo 'Mónica', ás 20.30 horas, no que Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir afondan na historia das súas nais. Fotografías e pinturas constitúen os elementos visuais da obra, que combina performance, danza, vídeo e música.

O sábado 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas e o Día Internacional contra a Homofobia, Transfobia e Bifobia, o Galgo Azul Espazo Cultural acollerá, a partir das 11.00 horas, o Vermut Corufest 2025, que contará coa presentación do libro 'O centro Voando', de Ánxela Lema, e o concerto de Sophie Simonds.

O 'Chemsex', a debate

A última xornada do festival, o domingo 18 de maio, estará centrada no fenómeno do 'Chemsex'. Pola mañá, o político Eduardo Rubiño (concelleiro no Ayuntamiento de Madrid), debaterá sobre esta realidade xunto ao Comité Cidadán Antisida da Coruña (CASCO) e o equipo da obra 'El Gé', que será representada pola tarde no Teatro Colón (20.30 h).

Obradoiro de investigación escénica con Pablo Messiez

O multipremiado actor, autor e director teatral Pablo Messiez será o encargado de impartir o obradoiro de investigación escénica 'A mi manera no es como acostumbro', unha proposta na que os e as participantes se reunirán para probar exercicios arredor das relacións dos corpos no espazo, tomados pola xestualidade das divas e a canción. O obradoiro levarase a cabo do 15 ao 17 de maio no Centro Ágora, con prazas limitadas.

Documentos:

Programa do Corufest 2025 (691 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible