26 de mayo de 2024
O Concello licitou os traballos de instalación do sistema, que dará resposta a unha necesidade habitual das e dos praceiros para conservar e enfriar productos de primeira necesidade expostos ao público
O Concello acometerá a instalación dun novo sistema de xeración de xeo no mercado municipal Eusebio da Guarda, na praza de Lugo, unha demanda recorrente das e dos praceiros á que o Goberno de Inés Rey dará solución ao longo deste ano.
Pola propia actividade comercial do mercado, con produtos frescos expostos a diario ante a clientela, o uso de xeo como método de conservación e arrefriamento de alimentos perecedeiros forma parte das necesidades habituais dos profesionais que están á fronte dos postos de venda.
Por iso, e atendendo as solicitudes do conxunto dos praceiros do mercado Eusebio da Guarda, o Concello ten previsto adecuar dúas estancias do edificio con vistas a habilitar o novo sistema. No segundo andar instalarase un xerador de xeo en escamas, así como un condensador, que estarán localizados na esquina suroeste da planta. A isto sumarase, ademais, a creación dun silo de almacenamento no andar baixo do mercado, que estará a carón dos postos de peixaría.
Con esta medida, o Goberno de Inés Rey busca apoiar o pequeno comercio da cidade e, en particular, ás e aos praceiros dos mercados municipais, co obxectivo de facilitar o seu traballo diario e reducir o impacto económico que supón, para moitos deles, o desembolso derivado da adquisición directa de xeo para manter nas mellores condicións os seus produtos, especialmente durante a tempada estival, polo incremento das temperaturas.
Neste sentido, licitouse o contrato correspondente á instalación do novo sistema, unha intervención á que o Concello destinará 167.000 euros, partida que se sufragará con cargo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
Unha vez que se adxudique o contrato, estímase que o prazo de execución dos traballos será de seis semanas, prazo no que se adecuarán as estancias necesarias e tamén se instalarán os novos equipamentos de refrixeración.
Financiamento
O 27 de xullo concedeuse ó Concello da Coruña a axuda solicitada á Consellería do Mar para a realización do proxecto "Mercados Coruñeses" ao abeiro da orde do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e da Acuicultura 2021-2027.
O importe desta axuda é de 200.000,00 € dos cales o 70% se financian a través do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura) e o 30% restante pola Comunidade Autónoma.
O proxecto presentado englóbase na estratexia de desenvolvemento local participativo aprobada ó GALP Golfo Ártabro Sur (Grupo de acción local do sector pesqueiro) ó que pertence o Concello da Coruña.
O proxecto consiste no desenvolvemento e implementación de servizos de turismo mariñeiro: visitas guiadas ós mercados municipais e a lonxa dirixidas ó público infantil, ás persoas que visitan a cidade e á poboación en xeral, de xeito que se de a coñecer a calidade dos produtos pesqueiros, as artes de pesca e as especies máis características da Costa da Coruña. Tamén financiarase a adquisición e instalación dun sistema de xeración de xeo que permita garantir a calidade dos produtos frescos ofertados no Mercado municipal de Eusebio da Garda.
Búscase a posta en valor do sector pesqueiro, incentivando o consumo de pescado fresco, incrementando as ventas de peixe nos mercados e a creación de sinerxias entre o sector pesqueiro e a industria turística da comarca.
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible