4 de outubro de 2024
O Concello licita hoxe o contrato, que forma parte do abano de medidas impulsadas polo Goberno de Inés Rey para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal das e dos coruñeses
O Concello saca hoxe a concurso o novo servizo de canguros municipais na súa modalidade de atención a domicilio, un programa ideado para favorecer a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, e que forma parte do amplo abano de medidas impulsadas polo Goberno de Inés Rey para contribuír ao benestar xeral das familias coruñesas. O consistorio saca a concurso o programa de canguraxe con un orzamento total de 184.966 euros.
En termos xerais, o servizo de canguros municipais axuda a que nais, pais e titores de menores de entre catro meses e 12 anos de idade, con necesidades xustificables de conciliación de carácter puntual e extraordinario, dispoñan das ferramentas para paliar estas dificultades, atendendo cada caso de forma personalizada.
Neste sentido, este venres licítase o contrato asociado a unha das tres modalidades deste servizo: o de atención a domicilio xeneralizada, que se habilita de luns a venres, en horario de 7.00 a 23.00 horas. O programa, impulsado desde a Concellaría de Benestar Social, Participación e Igualdade, inclúe a prestación de servizos básicos para as crianzas, como as tarefas de aseo e hixiene das e dos menores, así como a supervisión da súa alimentación. Tamén se estipula a dispensación de coidados ás rapazas e rapaces enfermos en ausencia das persoas responsables, e a atención a menores nas súas actividades de ocio.
Ademais, entre as prestacións inclúense os traslados e acompañamentos da ou do menor, fóra do fogar familiar, dentro do termo municipal, cun máximo de 40 horas anuais de servizo.
A este respecto, o Concello estipulou nos pregos do contrato que a adxudicataria do servizo de canguraxe a domicilio deberá contar, como mínimo, cun cadro de persoal de oito profesionais, todas e todos eles debidamente formados e titulados na materia.
Compromiso coa igualdade e fronte á violencia de xénero
A alcaldesa, Inés Rey, incidiu hoxe en que o servizo contempla, como medida complementaria, a atención excepcional para cubrir necesidades da Rede de Acollida Municipal. "Como persoas e representantes da cidadanía nas administracións públicas, é o noso deber estar en primeira liña de acción fronte á violencia de xénero. Esta modalidade é fundamental para dar unha atención integral ás mulleres, fillas e fillos menores vítimas desta lacra social", expuxo a rexedora.
Cómpre lembrar que esta medida tamén contribúe ao empoderamento feminino, ao facilitar que as mulleres vítimas de violencia de xénero "dispoñan do tempo necesario para formarse e xestionar aqueles aspectos que lles axuden a levar unha vida autónoma plena, a nivel persoal, laboral e familiar".
Máis de 43.000 horas de atención o ano pasado
O servizo de canguros municipais distribúe a súa actividade a través de tres modalidades: nos espazos de atención á infancia, a domicilio e nas ludotecas coeducativas.
Cada unha delas responde a unhas necesidades específicas das e dos usuarios, xa que no caso dos espazos de atención á infancia e nas ludotecas trátase de espazos físicos localizados en diversos barrios da cidade (O Castrillón, Labañou, Os Mallos, Palavea, Monte Alto e Novo Mesoiro) e que, con carácter xeral, abren en horario de tarde, salvo en períodos vacacionais como o Nadal, a Semana Santa e o verán, cando se axustan os horarios.
No 2023, máis de 480 nenas e nenas de 344 familias fixeron uso da modalidade dos espazos de atención á infancia, sendo outros 185 pequenos, de 134 familias, os que optaron pola vía das ludotecas coeducativas.
No tocante á modalidade de atención a domicilio, a que agora sae a licitación cun investimento de 92.500 euros por exercicio, o ano pasado contabilizáronse 247 nenas e nenos pertencentes a 181 unidades familiares.
Atendendo ao global do servizo en si mesmo, aunando as tres modalidades, o Concello facilitou máis de 43.000 horas de asistencia ás familias (34.900 nos espazos de atención á infancia, 2.300 pola atención a domicilio e 5.800 nas ludotecas coeducativas).
21 de novembro de 2024
10 de novembro de 2024
9 de novembro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible