23 de decembro de 2024
A alcaldesa e o director xeral de Carreteras del Estado, Juan Pedro Fernández, reuníronse hoxe coas e cos representantes das asociacións dos tres polígonos coruñeses, para informarlles sobre os últimos avances do proxecto
A alcaldesa, Inés Rey, e o director xeral de Carreteras del Estado, Juan Pedro Fernández Palomino, mantiveron hoxe unha reunión de traballo coas asociacións de empresarias e empresarios dos polígonos de Agrela, Pocomaco e Vío, na que Concello e Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible deron conta dos avances asociados ao proxecto de construción da Cuarta Rolda.
Está prevista que a redacción do mesmo, iniciada en marzo deste ano, se complete a finais do 2025. Por iso, co obxectivo de que o trazado final atenda ás necesidades futuras da cidade en termos de transporte, loxística e mobilidade, o MITMA comprometeuse hoxe a que o proxecto da Cuarta Rolda incorpore a conectividade cos polígonos empresariais da Coruña.
"É o momento idóneo para recoller as achegas de Agrela, Pocomaco e Vío, e traballar xuntos cunha perspectiva de longo alcance. A Cuarta Rolda é unha actuación fundamental para conectar a cidade co porto exterior de Langosteira, e iso inclúe ter en conta a súa contorna. Pouco a pouco, os polígonos están integrándose na paisaxe urbana da Coruña. Que estean conectados coa Cuarta Rolda é clave para axilizar o seu traballo do día a día", subliñou Rey.
Cómpre lembrar que a concepción inicial do viario era a prolongación do acceso ao porto exterior, mais coa actualización do proxecto búscase, precisamente, que a Cuarta Rolda non só sirva para mellorar as conexións con Langosteira, senón tamén cos polígonos. Neste sentido, o MITMA tamén se comprometeu a trasladar aos polígonos a solución técnica que se decida finalmente.
No encontro, que tivo lugar esta mañá en María Pita, participaron Ángel González del Río, xefe da demarcación de Carreteras del Estado en Galicia, e Marta Latas, directora do proxecto da Cuarta Rolda. Ademais, asistiron os concelleiros José Manuel Lage e Noemí Díaz, a subdelegada do Goberno, María Rivas, e os xerentes das asociacións de empresarios de Agrela, Pocomaco e Vío. Tamén asistiron as e os representantes da Federación de Asociacións de Veciños da Coruña.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible