21 de abril de 2020
Os centros municipais lanzan unha campaña polo Día do Libro en que apostan polo acceso universal á cultura e preparan actividades que difundirán a través de medios convencionais para lle achegar a lectura á cidadanía que non se manexa nas redes
O Servizo Municipal de Bibliotecas do Concello da Coruña lanza a campaña "Mollámonos polo libro", en que amosa o seu compromiso co sector do libro e aposta por lles dar acceso á cultura a todos os públicos. Con motivo do Día do Libro, que se conmemora este xoves, a Rede de bibliotecas municipais da Coruña únese ás diferentes manifestacións que se están dando no mundo da cultura para pór en valor este obxecto con tapas e a todas e todos os axentes implicados nel co fin de que non se queden atrás.
Baixo o lema "Mollámonos polo libro", a campaña evidencia a fraxilidade dun sector que vive o seu día grande no medio dunha ameazante tormenta. Por iso, desde os centros bibliotecarios quérenlles lanzar unha mensaxe de unidade e apoio a todas as actrices e actores do mundo do libro.
Esta orixinal iniciativa lidera un programa de actividades dirixidas a todos os públicos que, xunto coa súa programación actual (que se pode atopar baixo o cancelo #BibliotecaenCasa), definirán a adaptación do servizo municipal nun contorno atípico onde os medios de comunicación constitúen un aliado indispensable para que as persoas usuarias se poidan introducir no sistema bibliotecario da cidade.
Ademais da información publicada na páxina web e dunha programación diaria nos espazos virtuais (blogs e perfís de Facebook, Twitter e Instagram), en que se ofrecen recursos formativos e informativos, contacontos e divertidos retos, a rede de bibliotecas municipais impulsa o seu compromiso coa democratización da cultura e cos colectivos non conectados mediante a presentación de programas deseñados para a súa execución en medios de comunicación convencionais.
Deste xeito, as bibliotecas da Coruña presentarán "Lemos para ti", un conxunto de narracións orais que as traballadoras e traballadores dos centros difundirán a través da súa canle de Spotify e na radio, un medio imprescindible para que a cidadanía menos familiarizada coas redes poida desfrutar da literatura.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible