21 de outubro de 2024
Cántigas da Terra, as corais polifónicas El Eco, Follas Novas e do Sporting Club Casino, a Banda Militar, a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música e a Banda Municipal de Música serán as protagonistas da programación
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou este luns na presentación dos actos conmemorativos polo 175º aniversario da Real Academia de Belas Artes, que contará co apoio do Concello para a conmemoración dos 'Concertos do centenario', unha programación especial que terá lugar no Teatro Colón da Coruña os días 6, 7 e 8 de novembro, sempre ás 20.00 horas.
Nas actuacións participarán os coros e orquestras decanas da cidade da Coruña: Cántigas da Terra, Coral Polifónica El Eco, Coral Polifónica Follas Novas, Coral Polifónica Sporting Club Casino, Banda Militar (Unidad de Música del Cuartel General del Mando de Apoyo a la Maniobra), a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música e a Banda Municipal de Música.
Gonzalo Castro puxo en valor esta iniciativa, "coa que o Goberno de Inés Rey está firmemente comprometido, dando continuidade á aposta que hai na Coruña por visibilizar e coidar o patrimonio musical galego".
Tres xornadas de festa pola música galega
Juan Durán, comisario musical dos actos polo 175º aniversario da Real Academia, explicou que, a través destes concertos, o obxectivo é lembrar o que se levou a cabo fai xustamente 75 anos, en 1949, no Teatro Rosalía de Castro, cando se conmemorou o centenario da fundación da Real Academia Galega de Belas Artes. Tamén entón participaron as agrupacións instrumentais e vocais de máis relevo da cidade, incluíndo música de compositores membros da Academia.
"Estes tres concertos están inspirados no 'Gran Festival de Gala' que a Academia celebrou en 1949 para festexar o seu centenario. Neste evento participaron as agrupacións históricas da Coruña, xa que naquel entón a Academia tiña rango provincial ata a súa conversión en entidade galega nos anos 80. Xuntáronse as forzas vivas da música da Coruña que interpretaron pezas de compositores galegos membros da Academia", apuntou.
Ademais de Durán e Castro, no acto de presentación dos concertos, celebrado esta mañá no Teatro Colón, participou tamén o secretario da Real Academia de Belas Artes, Felipe Senén López, tamén académico da RAGBA.
Cómpre lembrar que o programa completo das actuacións previstas en novembro poderase consultar tanto na páxina web da Real Academia Galega de Belas Artes como na do Concello da Coruña.
Descarga aquí a programación dos 'Concertos do centenario' (228 KB)
14 de novembro de 2024
25 de outubro de 2024
24 de outubro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible