Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

28 de febreiro de 2025

O vindeiro mércores 5 arrincan as obras para mellorar a accesibilidade na parada de autobús de San Pedro de Mezonzo, no barrio de Catro Camiños

Xa están definidas as dúas paradas provisionais que darán servizo ás liñas 4, 5, 20, 24 e tamén á da UDC. Estarán situadas na rúa Fernando Rey

O Concello avanza estes días no plan de melloras de accesibilidade previsto en 16 paradas do servizo de transporte urbano da cidade, unha serie de intervencións cofinanciadas con fondos Next Generation que chegarán a vindeira semana ao barrio de Catro Camiños.

Será o vindeiro mércores 5, coa posta en marcha das actuacións na parada de autobús situada diante da igrexa de San Pedro de Mezonzo. A parada será remodelada e ampliada e estenderase a marquesiña para darlle servizo a máis persoas usuarias.

Ademais, tamén se renovarán os pavimentos da beirarrúa e, en paralelo, aproveitarase para reformar e mellorar os pasos peonís existentes na contorna.

Dúas paradas provisionais: ambas, ao longo da rúa Fernando Rey

Durante as obras diante de San Pedro de Mezonzo, o Concello habilitará dúas paradas de autobús provisionais para lles dar servizo ás liñas 4, 5, 12, 20, 24 e á da UDC.

No caso das liñas 4, 5 e 20, o autobús fará unha parada no cruzamento entre a rúa Fernando Rey e a rolda de Nelle. A liña 24 e a que dá servizo á UDC contarán cunha parada provisional específica á altura do número 4 da rúa Fernando Rey.

A liña 12 si seguirá a facer unha parada diante de San Pedro de Mezonzo durante o desenvolvemento das obras. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que esta medida, consensuada coa Compañía de Tranvías, "é a máis lóxica atendendo ao feito de que a liña 12 baixa pola rolda de Nelle e, polo tanto, non podería parar no cruzamento entre Fernando Rey e a rolda, como si o farán as liñas 4, 5 e 20". Ademais, a amplitude e lonxitude da parada en San Pedro de Mezonzo permite, ata certo punto, compatibilizar temporalmente a parada da liña 12 mentres avanzan os traballos de forma progresiva.

As melloras nas oito paradas de autobús do Castrillón, xa executadas

A intervención na parada de San Pedro de Mezonzo marca o ecuador das 16 intervencións establecidas no plan de traballos, con oito das actuacións xa executadas.

Todas elas se levaron a cabo no barrio do Castrillón. Concretamente, nas rúas Vicente Aleixandre, tanto a avenida como a praza da Concordia, as rúas Abegondo, Curtis e José María Hernansáez e tamén fronte á praza de Pablo Iglesias.

Noemí Díaz explicou que esta concentración de actuacións no barrio responde, principalmente, "ás características e necesidades do Castrillón en termos urbanísticos, onde seguiremos a actuar para mellorar os seus espazos públicos, ampliando os espazos peonís e reforzando a súa accesibilidade, tendo en conta a súa peculiar orografía, con máis pendentes que noutros puntos da cidade, e tamén a súa pirámide poboacional, con máis veciñas e veciños en idades avanzadas".

Tras o Castrillón e a parada de San Pedro de Mezonzo, o Concello continuará o seu plan de actuacións nos barrios dos Rosales, Labañou e Monte Alto, onde hai máis intervencións previstas.

Documentos:

DESCARGA AQUÍ o plano coas paradas provisionais de autobús durante as obras en San Pedro de Mezonzo (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible