6 de agosto de 2024
A BMMC ofrecerá catro concertos este mes. O primeiro deles terá lugar na praza da Tolerancia, no barrio de Labañou. Xa posteriormente, a formación actuará en María Pita e no Campo da Leña
A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) volve ás rúas da cidade durante as Festas de María Pita. Durante as vindeiras semanas, a agrupación ofrecerá catro concertos de temática festiva, nos que terán protagonismo artistas galegos de renome como Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Xurxo Souto, entre outros.
A programación deste mes comezará este xoves 8 na praza da Tolerancia (20.00 horas), onde a Banda interpretará 'América de norte a sur', unha actuación na que o público asistente poderá desfrutar de composicións próximas a xéneros musicais do outro lado do Atlántico, como o jazz, o tango e sons latinos.
Xa o domingo 18 (21.00 horas), na praza de María Pita, terá lugar 'A noite das cancións extraordinarias', na que a BMMC estará acompañada por Rosa Cedrón -voz de Luar na Lubre durante case unha década-, Paco Lodeiro, Xurxo Souto e Miguel Ladrón de Guevara. O director titular da banda, Juan Miguel Romero Llopis, levará a batuta do concerto nesta velada que homenaxeará a canción galega.
A actuación en María Pita será o paso preliminar á volta da banda ao Campo da Leña, onde xa deixou o seu selo durante o mes de xuño cun ciclo de concertos a pé de rúa. O xoves 22 (20.00 horas), o cantante de orquestra galego Antonio Barros acompañará á formación coruñesa para lle dar forma á 'Verbena sinfónica', un programa inspirado precisamente na música de verbena, e que tivo unha gran recepción por parte do público da cidade noutra actuación que tivo lugar no Ágora o pasado mes de febreiro, tamén con Barros sobre as táboas do auditorio.
A programación de agosto pecharase precisamente no Campo da Leña. Será o xoves 29 (20.00 horas), coa BMMC e o gaiteiro José Manuel López 'Josele', nunha actuación próxima á música galega e irlandesa.
Neste sentido, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou "o compromiso do Goberno de Inés Rey para achegar a cultura e tradición da banda a todos os barrios da Coruña", unha folla de ruta que, nos últimos meses, xa se plasmou con actuacións da BMMC nos centros cívicos da cidade, e que terá continuidade en agosto, comezando pola praza da Tolerancia.
Como xa é habitual, os concertos da BMMC serán abertos ao público, con acceso de balde.
Programación completa do ciclo de agosto da BMMC 24-25 (232 KB)
29 de agosto de 2024
27 de agosto de 2024
18 de agosto de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible