2 de xullo de 2024
O Concello destina 150.000 euros a esta iniciativa, asumindo entre un 70% e a totalidade do custo das prazas, en función dos ingresos familiares
O Concello publicou a listaxe definitiva de persoas seleccionadas para participar na nova edición do programa municipal Idiomas do Mundo, unha iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey ofrece á mocidade coruñesa a posibilidade de perfeccionar o seu dominio do inglés a través dunha experiencia de inmersión lingüística que, neste verán, terá lugar en Irlanda.
Durante un mes, un total de trinta estudantes -que cursaron o primeiro ano de Bacharelato en centros educativos da Coruña durante a pasada tempada escolar- terán a ocasión de desfrutar dunha estadía no país irlandés, entre os días 28 de xullo e 25 de agosto. Neste período, as e os rapaces participantes asistirán polas mañás a clases de perfeccionamento de inglés, mentres que polas tardes tomarán parte en actividades deportivas, culturais e lúdicas.
Neste sentido, a rapazada participará en excursións a localidades da súa contorna durante as fins de semana, aloxándose en domicilios particulares onde convivirán con familias irlandesas para, desta forma, profundar máis na aprendizaxe do inglés e no proceso inmersivo na cultura local.
O Concello destina un total de 150.000 euros a Idiomas do Mundo, asumindo entre un 70% e a totalidade do custo das prazas, en función dos ingresos das familias.
Hoxe, martes 2 de xullo, reunión informativa coas familias dos seleccionados
Co obxectivo de solucionar as posibles dúbidas das familias das e dos alumnos seleccionados, o Concello organizou para hoxe pola tarde unha reunión informativa no Centro Cívico Municipal de San Diego, que terá lugar ás 18.00 horas.
Cómpre lembrar que á reunión tamén poderán asistir as persoas interesadas que actualmente figuren na listaxe de agarda, en previsión de posibles cambios ou renuncias das e dos participantes seleccionados en primeira instancia.
20 de novembro de 2024
13 de novembro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible