Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de maio de 2024

Un cento de músicos participan no concerto especial da Banda Municipal e a Banda Sinfónica do Conservatorio Superior, que terá lugar este xoves no Palacio da Ópera

O Concello colabora na organización da actuación, na que se estreará a obra ‘O xardín das delicias’, unha peza de Samuel Uxío Rodríguez, alumno do departamento de Composición do Conservatorio Superior de Música

O Palacio da Ópera acollerá este xoves 30 de maio o 'Concerto a dúas bandas', un encontro anual que interpretarán, de forma conxunta, case un cento de músicos pertencentes á Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) e a Banda Sinfónica do Conservatorio Superior de Música.

Esta actuación forma parte do plan de colaboración establecido entre ambas as bandas, e que xa está a dar os seus froitos coas colaboracións que, por exemplo, levan a cabo os alumnos de piano do Conservatorio coa propia Banda Municipal, e que tamén implican, a miúdo, a profesores do CSM, como solistas, nos concertos que se levan a cabo ao longo do ano.

Esa estreita colaboración tamén se plasmará na programación musical deste xoves. Ademais de composicións de Óscar Navarro, Johan de Meij ou José Suñer-Oriola, haberá unha singularidade moi especial: estrearase 'O xardín das delicias', unha obra dun alumno do departamento de Composición do Conservatorio, Samuel Uxío Rodríguez, que comezou os seus estudos na Escola e Banda de Música Sementeira de Cambre.

O Concello colabora nesta iniciativa cultural que ten, como principal finalidade, reforzar os vínculos entre as principais agrupacións e centros de ensinanza musical da cidade, "sendo, como son, fundamentais á hora de abrir camiño á canteira de talento coruñés neste eido", apuntou hoxe a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que convidou a cidadanía a asistir e gozar do concerto previsto mañá no Palacio da Ópera.

Cómpre lembrar que a asistencia ao concerto, que comezará ás 20.00 horas, será de balde ata completar a capacidade prevista no auditorio.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión