9 de julio de 2024
A programación, que se estenderá entre os meses de setembro e decembro, inclúe 13 espectáculos, con produccións galegas, nacionais e tamén con selo internacional
O Teatro Rosalía de Castro acollerá un ano máis o Ciclo Principal de Outono, unha iniciativa na que o Concello se implica co obxectivo de ofertar "unha programación escénica e artística de moi alto nivel, reforzando a posición da Coruña como a cidade de referencia cultural a escala galega", apuntou esta mañá o concelleiro Gonzalo Castro.
A programación do ciclo inclúe un total de 13 espectáculos, que terán lugar entre os meses de setembro e decembro, coa participación de compañías galegas, nacionais e tamén internacionais.
Tan sólo el fin del mundo, unha produción de Teatro Kamikaze e Teatro Español, dirixida por Israel Elejalde, abrirá o calendario do Ciclo Principal de Outono os días 13 e 14 de setembro. Irene Arcos, recoñecida polo seu traballo nas series Élite ou El embarcadero, é unha das actrices que protagoniza a peza, acompañada por María Pujalte e Eneko Sagardoy, entre outros.
Xa os días 27 e 28 de setembro, todo un todoterreo como Pedro Casablanc estará á fronte de Don Ramón María del Valle Inclán, produción do Teatro Español e Bravo Teatro, dirixida por Xavier Albertí.
O ciclo continuará en outubro coas Bodas de sangre de Federico García Lorca, protagonizadas por Irene Alquézar, Minerva Arbués e Jacobo Castanera. A produción, de Teatro del Temple, chegará ao Teatro Rosalía de Castro entre os días 5 e 6. Xa o mesmo mes de outubro, os días 18 e 19, e novamente con Xavier Albertí como director, Rubén de Eguía será a figura principal de En mitad de tanto fuego, unha produción de Grec Festival de Barcelona e Miramedia. A programación do mes rematará con Sarabela Teatro. Sobre as táboas, Fernando González, Fernando Dacosta e Sabela Gago para interpretar O dragón de ouro, baixo a dirección de Ánxeles Cuña Bóveda.
Novembro arrancará con Me llamo Suleimán, unha produción de Unahoramenos en coprodución co Concello de Agüimes, que aborda o drama migratorio das personas que cruzan o continente africano en dirección a Europa. Marta Viera protagoniza a peza, dirixida por Mario Vega e que terá lugar os días 8 e 9.
O selo galego volverá estar presente no Teatro Rosalía de Castro o xoves 14 de novembro, co Terceiro acto producido polo Centro Dramático Galego, unha peza protagonizada por Belén Constenla, Roberto Leal e Mabel Rivera, entre outros, e dirixida por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez.
Esa mesma semana, e concretamente o venres 15 de novembro, collerá o testemuño El testamento, unha coprodución de Zum Zum Teatro e Fira Mediterrànea de Manresa, que protagoniza Ramon Molins.
Xa o día 23, a Jo Strømgren Kompani, compañía de danza independente con raíces en Noruega, interpretará The Ministry of Unresolved Things, unha mestura de humor absurdo e solemnidade ideada inicialmente para adolescentes e adultos máis novos, mais que foi aclamada polo seu éxito entre persoas de todas as idades. O texto da peza é en inglés, mais habilitarase tradución simultánea a través de locución sonora.
O mes de novembro pecharase cunha figura xa consagrada na escea interpretativa do país. A actriz mallorquina Vicky Luengo protagoniza Prima Facie, dirixida por Juan Carlos Fisher, e na que Luengo, galardoada co Premio Princesa de Girona 2024 de las Artes, se pon na pel dunha brillante avogada á que un acontecemento inesperado obriga a enfrontarse ás liñas que separan o poder patriarcal da lei, a carga da proba e a moral. Prima Facie chegará ao Teatro Rosalía de Castro os días 29 e 30 de novembro.
Decembro, último mes do Ciclo Principal de Outono, arrancará con Evaristo Calvo, María Roja e Santi Romay en Entrega en man, co galego Cándido Pazó á fronte da dirección. Será os días 13 e 14, abrindo camiño á peza Yerma, unha produción de La Dramática Errante inspirada nunha obra teatral popular escrita por Federico García Lorca, que desenvolve unha traxedia de ambiente rural. María Goiricelaya foi a encargada de adaptar a obra, con protagonismo para Ane Pikaza e Aitor Borobia, entre outros.
O peche do Ciclo Principal de Outono contará cun protagonista moi especial. Polifacético, transgresor e sempre sorprendente, o artista catalán Albert Pla subirá ás táboas do Teatro Rosalía de Castro o sábado 28 de decembro co seu concerto ¿Os acordáis?, no que interpretará cancións que remiten a historias tráxicas e delirantes, tamén delicadas e surrealistas.
Paulo Rodríguez apuntou, na súa intervención de hoxe, no obxectivo de "crear un relato a través da programación" deste ano, "que inclúe traballos de moita calidade artística e interpretativa", con actores como Raúl Prieto, gañador do galardón a Mellor Actor de Reparto de Teatro de Texto nos Premios Talía 2024, polo seu traballo en Tan sólo el fin del mundo, e tamén Vicky Luengo, que obtivo o galardón a Mellor Actriz Protagonista de Teatro de Texto, por Prima Facie.
O luns 15 de xullo abre o prazo de renovación para as persoas abonadas
O director do Teatro Rosalía de Castro, Paulo Rodríguez, lembrou esta mañá que entre os días 15 de xullo e 30 de agosto estará aberto o prazo de renovación de abonos, exclusivo, precisamente, para as persoas que xa estaban abonadas. A solicitude de renovación poderá formalizarse no despacho de billetes do IMCE na praza de Ourense.
Xa a posteriori, os días 3 e 4 de setembro, abrirase o prazo para novas e novos abonados. Será xa o día 6 de setembro cando se habilitará a venda de entradas soltas. Como cada ano, aplicaranse os descontos habituais.
Programa completo do Ciclo Principal de Outono 2024 no Teatro Rosalía de Castro (2 MB)
11 de julio de 2024
7 de julio de 2024
6 de julio de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible