13 de xuño de 2024
O Concello destina máis de medio millón de euros a esta intervención, financiada con fondos Next Generation. Os cortes de tráfico rodado no treito onde se efectuarán os traballos fixéronse efectivos este luns
O Concello puxo en marcha hoxe as obras de reurbanización da rampla do Matadoiro, unha intervención coa que o Goberno de Inés Rey remodelará este enclave próximo ao Paseo Marítimo mediante un formato de plataforma única, que permitirá a ampliación das zonas de tránsito peonil e gañar en accesibilidade.
Os traballos levaranse a cabo, concretamente, no treito comprendido entre a propia rúa da Rampla do Matadoiro -partindo desde a contorna do Paseo Marítimo- e ata o paso peonil que hai na confluencia coa rúa Adelaida Muro. Desta forma, renovarase unha superficie de máis de 1.700 metros cadrados, unha actuación que, ademais de incluír a ampliación das beirarrúas, tamén contempla a reconfiguración dos pasos peonís da Rampla do Matadoiro e o cruzamento con Adelaida Muro, que pasarán a ser en elevación, co obxectivo de reforzar a seguridade peonil.
Ademais, tamén se adecuará a vía que habilita o acceso e saída ao aparcadoiro do hotel Meliá María Pita, lindeiro á propia rúa da Rampla do Matadoiro.
En paralelo, renovaranse a rede de saneamento e o sistema de iluminación pública. Tamén está previsto plantar arboredo e dispoñer máis áreas verdes aproveitando os espazos públicos das proximidades, así como a instalación de novo mobiliario urbano.
O Goberno de Inés Rey ten previsto levar a cabo un investimento de 548.863,27 euros nesta intervención. O prazo de execución é de catro meses.
Os cortes de tráfico rodado na rampla, efectivos desde hoxe
Como paso previo ao inicio dos traballos sobre o pavimento, o Concello fixo efectivo este luns o corte de tráfico rodado na rampla, unha medida necesaria para acometer o plan de melloras previsto no Matadoiro.
Xa nestes últimos días, os servizos municipais de Mobilidade e Seguridade Cidadá colaboraron na disposición das sinais verticais de aviso para notificar as restricións de paso a vehículos, o que abre camiño ás primeiras intervencións sobre o terreo, coa revisión da rede de saneamento.
As actuacións financiadas con fondos Next 2, en marcha
O inicio dos traballos na rampla do Matadoiro dá continuidade á posta en marcha das 17 intervencións urbanísticas que executará o Goberno de Inés Rey nos barrios da cidade grazas á financiación captada na segunda convocatoria de fondos Next Generation. Ademais de Monte Alto, haberá actuacións nos Mallos - A Sardiñeira, Agra do Orzán, O Castrillón, Elviña, o Barrio das Flores, A Falperra, Eirís, a contorna de Santa Margarida e Agrela.
Entre as obras que se levarán a cabo están as melloras de accesibilidade previstas entre O Peruleiro e a rúa Barcelona, a instalación das escaleiras mecánicas que permitirán salvar o desnivel existente entre as rúas Adelaida Muro e Ángel Rebollo, as obras de reurbanización da avenida da Sardiñeira e as rúas Pla y Cancela, Padre Sarmiento e San Mateo; a construción de dúas novas rotondas entre a avenida de Fisterra e as rúas Gútenberg e Gambrinus; a instalación de dous novos ascensores na rúa Pintor Villar Chao e as obras para mellorar a accesibilidade na rúa Doutor Camilo Veiras, ante o Centro Oncolóxico Rexional. O abano de intervencións inclúe, tamén, diversas melloras de accesibilidade en once paradas de autobús da cidade.
Ademais, xa a semana pasada, comezou a reordenación do cruzamento entre a rúa Bergondo e a avenida Casanova de Eirís, no Castrillón.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible