Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Banda Municipal de Música da Coruña

A BANDA MUNICIPAL DA CORUÑA

En 1947 creouse a "Banda - Orquestra" Municipal da Coruña. O seu primeiro concerto público, baixo a dirección de Rodrigo A. de Santiago, realizouse o 26 de xullo de 1948 no Teatro Rosalía de Castro.

A denominación " Banda - Orquestra" significaba a posibilidade de que dentro dunha soa agrupación de setenta e cinco músicos funcionasen dúas entidades diferentes, aínda que complementarias, dotadas de medio cento de executantes cada unha. A Banda nacía como unha colectividade completa en si mesma; e a Orquestra compoñíase dos vinte e cinco arcos máis outros tantos intérpretes de vento e percusión, pertencentes á Banda, que desdobraban as súas funcións cando a agrupación sinfónica realizaba os seus concertos.

A vida das dúas entidades foi moi dispar. A Banda permaneceu ao longo do tempo, adquiriu un notable repertorio e afianzouse como unha das colectividades de maior categoría artística en España dentro do xénero. A Orquestra, pola contra, tivo unha vida azarosa: extinguiuse na práctica nos anos sesenta do século pasado e foi refundada, grazas aos esforzos de Rogelio Groba, en 1981. Ten o mérito de constituír o antecedente da actual Orquestra Sinfónica de Galicia, unha das mellores agrupacións instrumentais de España.

Nos seus anos de existencia, a Banda tivo á fronte a varios directores, todos eles excelentes músicos. O primeiro titular, Rodrigo A. de Santiago, realizou a difícil tarefa de crear un corpo de executantes de notable nivel artístico e de consolidar, ao longo de vinte anos, un amplo repertorio.

Rogelio Groba substituíuno na agrupación coruñesa. Con el, a Banda ampliou considerablemente o seu repertorio e mantívose na mesma liña de categoría artística. Permaneceu á fronte da colectividade durante máis de vinte anos.

En 1991, fíxose cargo da dirección Indalecio Fernández Groba que, sen variar substancialmente a liña dos seus antecesores, introduciu algunhas innovacións no repertorio e contratou a instrumentistas de moi alto nivel, en substitución daqueles que, naturalmente, se foron xubilando.

En 2005, debido á xubilación de Fernández Groba, o concello contrata o director holandés Marcel van Bree a quen nomea titular da colectividade.

Desde 2011 está á fronte da Banda o seu subdirector José Luis Represas Carrera.

No 2015 toma a batuta da agrupación como director titular Andrés Valero-Castells e desde 2017 e ata a actualidade conta coa dirección de Juan José Ocón.

Co obxecto de ter os instrumentistas nunha primeira liña de motivación así como de facilitar a aproximación a diferentes vivencias, o equipo directivo da Banda Municipal da Coruña convida periodicamente aos seus ciclos de concertos a directores, nacionais e estranxeiros, así como a solistas de diferentes instrumentos.

Dirixiron a agrupación coruñesa Enrique Rodríguez Asensio, Fernando Bonete, Sanz Espert, Pirfano, Foriscot, Pilar Vañó, Jan Cober, Peter Kuijpers, Henry Adams,...

O pasado ano 2018 celebrouse o 70 aniversario da entidade.

Titularidade: Servizo Municipal de Cultura

Director: Juan José Ocón Arza

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión