21 de novembro de 2021
As intervencións, que comprenden 8.648 metros cadrados de calzada, comezaron o pasado xoves na contorna das Ánimas
O Goberno municipal aborda durante esta segunda quincena do mes de novembro un total de catro obras para mellorar o firme da calzada en outros tantos ámbitos próximos á Cidade Vella, o Castelo de Santo Antón e Durmideiras.
A primeira destas intervencións, nas Ánimas, comprende 1.106 metros cadrados e tamén implicará o soterramento dun tramo da antiga vía do tranvía. A Concellaría de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Juan Manuel Díaz Villoslada, puxo en marcha esta actuación o pasado xoves, e continuou durante a xornada do venres 19, en horario diúrno.
Xa entre hoxe, día 21, e mañá, luns 22, darase continuidade ao proceso de asfaltado na rúa Maestranza, en 2.460 metros cadrados de calzada. E, posteriormente, os días 23 e 24, a concellaría prevé intervir na rúa Panadeiras, nun tramo clave para a conexión do centro da cidade co Campo da Leña, noutros 1.953 metros cadrados onde se mellorará o pavimento. Ambas as dúas obras realizaranse en horario nocturno.
Por último, e xa no tramo final de mes, nos días 29 e 30 de novembro, levarase a cabo a intervención máis relevante destas catro no referente á superficie total, co asfaltado de 3.039 metros cadrados de calzada no perímetro de Durmideiras. Será, en particular, na rúa Regata Cutty Sark. Ao igual que nas Ánimas, os traballos executaranse en horario diúrno.
A maiores, a previsión de Infraestruturas é que, con posterioridade a estas catro obras, se acondicione a rúa San Xoan, tamén nas inmediacións do Campo da Leña; así como a rúa Newton, no polígono de Agrela.
Continuidade aos traballos xa executados no ano 2020
En novembro do 2020, o Concello destinou un total de 317.000 euros a reparacións de firme na travesía de Almirante Eulate, no paso peonil Reverendo Álvarez Cabezas, na rotonda das Escravas e na avenida de Bos Aires. Tamén no firme do ámbito dos Cantóns e en Linares Rivas, así como na avenida Alcalde Pérez Ardá, desde Ramón y Cajal até a Rolda de Outeiro.
O compromiso do executivo de Inés Rey coa mellora das infraestruturas municipais, vixente desde o seu inicio de mandato, ponse de manifesto tamén cos traballos recentes en puntos como as novas zonas de circulación na avenida de Arteixo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible