19 de xuño de 2017
O tráfico quedará cortado no Paseo Marítimo a partir das 19.00 horas, unha restrición que afectará a sete liñas do transporte urbano
A Concellería de Mobilidade Sostible ten preparado, de cara á celebración do San Xoán, na noite do vindeiro venres, 23 de xuño, un dispositivo especial de tráfico dirixido a facilitar a mobilidade urbana durante toda a xornada. A ese fin, estableceranse oito liñas especiais de autobús que circularán cada media hora, entre as 00.30 e as 02.30 horas, partindo desde a praza de Pontevedra cara aos barrios, e que servirán para completar o servizo do Bus Búho, que funcionará entre as 03.00 e as 06.30 nunha ruta circular pola cidade, cunha frecuencia de 30 minutos. Neses servizos adicionais, a liña 1 conectará con Os Castros e Monelos, a través da praza de Ourense, Catro Camiños, Os Castros e o Castrillón; a liña 1A conectará o centro con Matogrande e Eirís, a través da praza de Ourense, Catro Camiños, Caballeros, Salvador de Madariaga, Pajaritas, Matogrande, Eirís, Barrio das Flores e Monelos; a liña 3 partirá da praza de Pontevedra e circulará por Fernando Macías, Avenida da Habana, Paseo de Ronda, Gran Canaria, Labañou e Os Rosales, ata San Pedro de Visma; a liña 3A percorrerá de xeito circular a zona centro, desde a praza de Pontevedra ata a Cidade Vella, Adormideras e Monte Alto; a liña 6 conectará a praza de Pontevedra con San José, percorrendo a avenida de Fisterra; a liña 7 chegará ao Ventorrillo e discorrerá por Fernando Macías, avenida da Habana, Peruleiro, rolda de Outeiro e Villa de Negreira; a liña 11 circulará ata aos Mallos a través de Juan Flórez e Pla y Cancela, Os Mallos, Vioño, avenida de Arteixo, Sardiñeira e rolda de Outeiro; por último, a liña 21 conectará a praza de Pontevedra con Novo Mesoiro, a través de Ramón y Cajal, avenida de Pablo Picasso, o Birloque, o Martinete e Mesoiro.
De igual xeito, e ante os cortes de circulación que se producirán, desde as 19.00 horas do venres, no Paseo Marítimo -na zona das praias de Riazor, do Orzán e do Matadoiro- os servizos de seguridade e mobilidade establecen unha serie de rutas alternativas para evitar colapsos. A partir desa hora, os vehículos procedentes da zona da Torre que vaian saír da cidade serán desviados a través da rúa Hospital, para chegar ao Campo da Leña e coller alí o túnel da Mariña. No sentido contrario, os vehículos que queiran dirixirse á parte de Monte Alto poderán acceder desde a Terceira Ronda ata a praza de Portugal, e alí circular cara a Calvo Sotelo e Alfredo Vicenti para chegar á praza de Pontevedra, onde poderán coller a rúa San Andrés. Os cortes de tráfico, previstos desde a rúa do Sol e a praza de Portugal poderían ampliarse, en función de afluencia de xente á zona da enseada, ata a fonte dos Surfistas e a avenida de Manuel Murguía. Nese caso, os vehículos que circulen desde Monte Alto poderán desviarse na rúa Curros Enríquez ata Campo da Leña para acceder ao túnel da Mariña, mentres que os que pretendan dirixirse cara ao centro, desviaranse por Paseo de Ronda e a avenida da Habana.
As restricións de tráfico do Paseo Marítimo afectarán tamén aos itinerarios de sete liñas de bus, como son a 3, 3A, 4, 6, 6A 7 e 11. Os autobuses que fan o traxecto en sentido Riazor-Matadoiro recuperarán o itinerario polas rúas Habana, Alfredo Vicenti, praza de Pontevedra e San Andrés, mentres que aqueles que transitan en sentido inverso (Matadoiro-Riazor) farano pola avenida de Hércules, rúa da Torre, Campo da Leña, Panaderas, rúa Orzán, San Andrés e praza de Pontevedra.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible