(+34) 981 22 44 48
De martes a domingo
de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 h.
Entrada gratuíta
Misión e historia
A Fundación Barrié é unha fundación patrimonial privada, xurdida da xenerosidade dunha persoa, o empresario e mecenas Pedro Barrié, e da dos seus continuadores. Creada o 5 de novembro de 1966, a Fundación destinou os seus recursos a programas e proxectos dirixidos a impulsar o desenvolvemento sostible de Galicia, con especial impulso ás iniciativas vencelladas á educación e ao fomento do talento. Declarada de interese galego pola Consellaría de Educación da Xunta de Galicia o 13 de xuño de 1986, e principal accionista de Banco Pastor cunha participación que ascende a un 42,18% a decembro de 2011, a Fundación financia as súas actividades cos rendementos que obtén do seu patrimonio.
Pedro Barrié de la Maza achegou en 1966, como dotación fundacional, 3.300 millóns das pesetas de entón, e declarou ademais a Fundación como herdeira universal ao seu falecemento.
A esta dotación inicial sumáronse posteriores doazóns feitas pola súa irmá Gertrudis Barrié e pola súa viúva, Carmela Arias, quen en 1981 lle doa á Fundación toda a súa fortuna. Baixo a presidencia de Carmela Arias y Díaz de Rábago (1920-2009), a Fundación desenvolveu unha firme traxectoria e converteuse nun referente no ámbito fundacional europeo, cunha intensa actividade desde as súas dúas sedes na Coruña e Vigo.
Na actualidade, presidida por José María Arias Mosquera, presidente de Banco Pastor, a Fundación renova cada día o seu compromiso con Galicia aplicando en todas as súas áreas de actuación estratexias nas que prima o enfoque innovador, o rigor e a excelencia, pero tamén a proximidade, o fomento da participación e a accesibilidade de todos os galegos e galegas aos seus servizos e actividades.
Sedes
A Fundación Barrié traballa desde as dúas cidades máis poboadas de Galicia, articulando a súa actividade desde o eixe norte e sur e amplificándoa ao resto da comunidade. Ambas as sedes son escenario dunha programación continuada, con conferencias, seminarios, exposicións e concertos, así como cunha actividade didáctica diaria para centros escolares e público xeral.
A sede da Coruña abriu as súas portas en 1995 no corazón da cidade, onde dispón de 8.000 metros cadrados distribuídos en espazos flexibles para reunións e conferencias, un auditorio con capacidade para 369 persoas e 1.000 metros cadrados de salas de exposición.
Referente da vida cultural e social da cidade da Coruña, a Fundación ocupa un edificio de liñas clásicas e veciño ao do Banco Pastor, no Cantón Grande da cidade, punto de encontro tradicional para as persoas coruñesas e visitantes.
A inauguración da sede de Vigo, en outubro de 2005, permitiulle á Fundación dar un salto adiante de grande impacto cualitativo.
As numerosas actividades desenvolvidas nela permitiron enriquecer substancialmente o programa da Fundación grazas a un edificio emblemático e a un equipamento único e, sobre todo, achegou ao sur de Galicia os seus servizos.
En 2007, a sede de Vigo foi galardoada con dous prestixiosos premios: o Premio FAD de Arquitectura e Interiorismo, na categoría de interiorismo, e o premio Saloni na categoría de Arquitectura Interior. Ambos os premios recoñecían a obra de rehabilitación da sede, situada detrás da fachada dun edificio do arquitecto vigués Manuel Gómez Román en 1919, rehabilitación asinada polos arquitectos Emilio Tuñón e Luis Mansilla, cuxo proxecto deu unha resposta contemporánea, equilibrada e precisa ás necesidades da Fundación. A rehabilitación traduciuse en case 3.000 metros cadrados flexibles e versátiles, distribuídos en cinco andares. Na planta de acceso atópase o auditorio ou "caixa dos milagres", un espazo extremadamente alto, flexible e cambiante, capaz de transformarse mediante a incorporación de avanzada tecnoloxía escénica teatral, de tal modo que modificando o chan, escamoteando paneis ou facendo descender obxectos e panos, pode chegar a utilizarse para presentacións, exposicións, concertos etc. Ademais, a sede conta con dous andares polivalentes destinados a exposicións temporais e, na última planta, un salón de actos dotado cun mecanismo escenográfico que permite escamotear os asentos, deixando o espazo diáfano para ser utilizarse como sala de exposicións complementaria, ou obradoiro polivalente.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible