Concello da Coruña

Concello da Coruña

Equipamento

Xardíns de Méndez Núñez

Superficie: 3,4 hectáreas.

Xardíns situados no centro da cidade, na zona da Pescaría. Son uns dos xardíns máis antigos da cidade, datan de mediados do século XIX (1868). Neles atópanse diversos monumentos e emblemáticos edificios modernistas como A Terraza (1922) ou o Quiosco Alfonso (1912). Nos xardíns realízanse ao longo do ano diversas actividades: feiras do libro, de artesanía, de gastronomía; actuacións musicais e de danza, exposicións de pintura etc. Presenta 3 áreas diferenciadas: unha zona de arboredo con diversas especies (xéneros Ilex, Araucaria, Magnolia, Fagus, Taxus, Abies etc.), unha Roseira cunha gran diversidade de variedades e a zona do Paseo das Palmeiras ou O Recheo.

Especies máis destacadas:

  • Ulmus glabra Huds.
  • Ligustrum lucidum Ait.
  • Populus x canadensis Moench
  • Acer negundo L.

Datos de interese:

  • Os xardíns creáronse no século XIX no recheo ganado ao mar. Inauguráronse no ano 1868 e eran coñecidos como xardíns do Ensanche. En 1871 decidiuse darlles o nome do mariño galego Casto Méndez Núñez e posteriormente levantáronse os edificios que arrodean o espazo arborizado.
  • Parque situado no centro da Coruña, onde están situados o Quiosco Alfonso e a sede de Radio Nacional de España (RNE) e Televisión española (TVE).

MONUMENTOS SITUADOS NOS XARDÍNS:

Monumento a Curros Enríquez:

  • Autor: Francisco Asorey . O monumento esculpiuse entre 1.928 e 1.934.
  • Localización: fronte ao Hotel Atlántico.
  • Características: conxunto arquitectónico realizado en pedra de granito. O monumento concibiuse como a quilla dun barco en cuxa parte máis avanzada aparece a figura de Curros Enríquez, encostada á parte principal da obra por detrás. A figura do escritor preséntasenos de pé, coas mans cruzadas á altura das bonecas e apoiadas sobre uns manuscritos e un arpa. Aos laterais, aparecen tallados en alto relevo, figuras femininas e masculinas portando as roupas e utensilios típicos do campo e do mar. Acompaña aos traballadores unha vaca ou touro, mentres que un cabalo e un neno acompaña ás mulleres.

Monumento a Daniel Carballo:

  • Autor: Agustín Querol realizou o monumento e Pedro Mariño construíu o pedestal.
  • Localización: fronte ao edificio da Terraza.
  • Características: escultura de Daniel Carballo realizada en bronce con base de granito. A columna é de fuste liso e decorada no capitel e a base con flores, veneras e ovas. Debaixo dos frontóns pódese ver unha placa de bronce cunha inscrición que di: A Daniel Carballo. A Coruña.

Monumento ao Libro e os seus creadores:

  • Autor: Manuel García, "Buciños".
  • Localización: fronte ao edificio da Terraza.
  • Características: representa a unha familia (home, muller e neno) gozando coa lectura. As tres figuras son de bronce e forman unha mesma peza que se apoia sobre un pedestal de granito. A sinatura do autor aparece gravada no libro que suxeita o home: Buciños, Xunio 1.976.

Monumento a Suárez Ferrín:

  • Autor: Ramón Conde.
  • Localización: fronte ao edificio da Terraza.
  • Características: escultura de busto redondo representando a cabeza de Suárez Ferrín en resina de poliéster e fibra de vidro pigmentada imitando bronce sobre peaña de granito traballada sen puír. No lateral esquerdo aparece a inscrición: A Coruña ao seu alcalde 1.934 e 1.936.

Monumento a Valle Inclán:

  • Autor: Ramón Conde.
  • Localización: fronte ao edificio da Terraza.
  • Características: busto de Ramón María del Valle Inclán realizado en resina de poliéster pigmentada e fibra de vidro imitando bronce. A sinatura do autor atópase na parte inferior esquerda. A peza de poliéster descansa sobre unha peaña de granito traballada sen puír. Na parte dianteira hai unha inscrición: Valle Inclán (1.866-1.936) A Coruña 6-1-1986.

Monumento a Wenceslao Fernández Flórez:

  • Autor: José Castiñeiras Iglesias.
  • Localización: fronte ao edificio da Terraza.
  • Características: monólito granítico traballado sen pulimentar cunha inscrición no seu parte superior: "A Coruña a Wenceslao Fernández Flórez xornalista e escritor no centenario do seu nacemento 1.885-1.985". Na parte inferior dereita do monólito aparece a firma de Castiñeiras.

Monumento a Dna. Emilia Pardo Bazán:

  • Autor: Lorenzo Coullaut Varela.
  • Localización: xardíns de Méndez Núñez, preto do Paseo de Coches.
  • Características: escultura en vulto redondo realizada en arenisca. Ao redor da escultura hai unha balaustrada do mesmo material e rematada en dous grandes alicerces con grandes vasos. Sobre a pedra aparecen tres placas de bronce.

Monumento a Concepción Arenal:

  • Autor: Rafael González do Villar.
  • Localización: xardíns de Méndez Núñez, diante do estanque, fronte ao edificio do Banco Bilbao no Cantón Pequeno.
  • Características: figura dun aguia coas ás abertas e coas poutas sobre un libro aberto e unha serpe, realizado en ferro e pintado de negro. Está arrodeado de seis pináculos realizados en granito. O monumento levantouse no ano 1.916.

Monumento a Daniel Rodríguez Castelao:

  • Autor: Manuel Ferreiro Badía.
  • Localización: xardíns de Méndez Núñez, fronte á caseta dos xardineiros. - Características: O monumento inaugurouse en 1.986. É unha escultura de vulto redondo tallada nunha soa peza de granito, representando a Castelao de medio corpo. Sobre as súas costas e na parte traseira aparecen tallados un hórreo e un Cristo crucificado.

Monumento a Manuel Murguía:

  • Autor: Fernando Cortés Bugía.
  • Localización: xardíns de Méndez Núñez, preto do reloxo floral.
  • Características: busto en bronce con pátina dourada sobre unha base de granito negro puído, situado sobre unha peaña a modo de pirámide de cúspide truncada, realizada en granito rosa puído. Sobre unha das paredes aparecen as letras en bronce: Murguía 1.833-1.933.

Monumento a Juan Fernández Latorre:

  • Autor: José Escudero.
  • Localización: xardíns de Méndez Núñez, preto do reloxo floral.
  • Características: busto en bronce de tonalidade negra sobre unha pirámide de cúspide truncada en granito sen puír. Sobre a fronte de granito aparecen as letras: "A Coruña a D. Juan Fernández Latorre 6-Abril-1.958". No lateral esquerdo do busto aparece a sinatura de José Escudero e a data 1.958.

Monumento conmemorativo ao Ano Internacional do Neno:

  • Autor: Mon Vasco.
  • Localización: xardíns de Méndez Núñez, preto do reloxo floral.
  • Características: forma abstracta de cemento armado cunha figura central en bronce representando a un neonato. Aos lados e baleirado sobre o cemento aparecen as figuras de catro nenos que van medrando en altura do interior ao exterior da obra.

Monumento ao Doutor Hervada:

  • Autor: José Escudero.
  • Localización: xardíns de Méndez Núñez, preto do reloxo floral.
  • Características: busto en bronce en ton negro sobre peaña de granito puído de ton gris. Baixo esta peaña, outra de granito cor ocre rosáceo cunha base de granito gris. Sustenta todo o conxunto unha base de cemento.

Monumento a Themys e Baco:

  • Autor: Felipe de Moratilla.
  • Localización: xardíns de Méndez Núñez.
  • Características: busto de Baco con Themys realizado en bronce de cor negra, sobre unha peaña tamén de bronce e colocada sobre unha base de cemento.

Monumento ao Pescador Napolitano:

  • Autor: Felipe de Moratilla.
  • Localización: xardíns de Méndez Núñez.
  • Características: figura de mozo espido recollendo cangrexos cunha rede, realizado en bronce de cor negra, cunha base de bronce e colocado sobre unha argamasa de cemento e pedra.

Monumento a Eduardo Pondal:

  • Autor: Fernando Cortés Bugía.
  • Localización: xardíns de Méndez Núñez preto do reloxo floral.
  • Características: busto de mármore sobre unha base tamén de mármore con inscrición tallada sobre unha peana de granito.

Monumento a Aureliano Linares Rivas:

  • Autor: Agustín Querol.
  • Localización: xardíns da Rosaleda, fronte á rúa Sánchez Bregua.
  • Características: monólito de granito con relevos que imitan a técnica de panos mollados utilizada na Grecia clásica de Filias. A escultura está realizada en bronce de cor negra.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión