A cultura non son só as obras de arte senón, e sobre todo, as relacións que diferentes persoas establecen con elas. Da mesma forma, unha institución cultural non é un edificio, uns servizos ou unha secuencia de actividades, senón un exercicio de intelixencia e sensibilidade emocional á hora de establecer relacións coa cidadanía.
As ditas relacións son a base do Centro Ágora concibido como un espazo aberto no que xerar sinerxías participativas e relacionais onde os cidadáns sintan representadas as súas expectativas, satisfeitas as súas necesidades e fortalecidos os lazos colectivos a través das relacións entre o coñecemento e a sociedade.
O Ágora ten, pois, unha dobre función para satisfacer eses dous aspectos interrelacionados: dar servizo á sociedade e dar servizo á comunidade artística e cultural, tendo en conta que nin a sociedade nin a cultura son estáticas, senón enormemente dinámicas e cambiantes.
Este dinamismo da sociedade e as novas formas de produción e de xestión do coñecemento tradúcese en novas realidades e necesidades impensadas hai anos e que deben ser cubertas con decisión e autoesixencia para, por unha banda, diversificar e activar os diversos sectores culturais e, por outra, facer social e culturalmente rendibles as infraestruturas entendidas como ben e servizo público. En Ágora satisfacemos as necesidades do presente e estimulamos novos horizontes para o futuro.
Un centro cultural destas características debe ser permeable e debe pasar as súas paredes (físicas e metafóricas) para facer seu todo o que sucede ao seu arredor e traballar, así, temas candentes da actualidade como as políticas sociais, multiculturalidade, compromiso ambiental, sustentabilidade, solidariedade e un longo etcétera. Xunto coa participación, un obxectivo importante é a concienciación social. Por iso é polo que un dos obxectivos dun centro como Ágora teña que ser a produción dunha esfera pública, de espazo participativo e de lugar de encontros na que presentar e representar os debates que interesan á sociedade.
Como punto de encontro e debate, Ágora é unha plataforma plural e interxeracional na que se une de forma transversal o traballo de varias áreas e concellarías e é tamén un espazo aberto a grupos, asociacións culturais e veciñais, colectivos de creadores e programadores independentes, así como a varias entidades coas que habemos ir creando vínculos ao longo dos anos nos que o edificio foi construído. Por iso, podemos dicir que a audiencia de Ágora está constituída por amplas maiorías e múltiples minorías e a cada unha delas hai que satisfacelas de moi variadas maneiras.
Esta intensa participación cidadá, coas súas diferenzas e semellanzas, acordos e desacordos, é unha parte fundamental do programa fundacional do Ágora. Así se favorece un modelo de centro dialéctico que se nutre das preguntas que lles interesan tanto aos creadores en particular como á sociedade en xeral e que posibilita que diferentes voces e interpretacións interactúen no espazo público.
Máis aló do modelo de centro preocupado por difundir a arte ou o coñecemento, é moito máis interesante e rendible social, cultural e artisticamente unha institución que propicie a negociación do saber e do significado entre diferentes sectores de públicos.
É así como Ágora é capaz de producir relatos polifónicos emitidos por multitude de axentes sociais e culturais que deben estar enraizados no contexto, ben a través dunha relación coas tradicións culturais da Coruña, ben coa súa paisaxe urbana, ben co Centro Ágora.
Ágora é un espazo de difusión, reflexión e debate de temas sociais e cidadáns a través da información e o coñecemento. Estes temas son os organizadores da programación que non debe obedecer a secuencias de exposicións illadas nin a actividades desconectadas senón que se ha organizar seguindo as liñas temáticas (nin excluíntes nin estancas) que a continuación presentamos.
Estes organizadores temáticos son os que estruturarán as diferentes propostas que, abarcando os diferentes recursos do centro, mestúranse transversalmente. De forma que un taller poderá conducir a unha exposición, un seminario a unha obra de teatro e unha actividade da biblioteca —que á súa vez pode prover de documentación aos exemplos antes citados— nun evento que se desenvolva no exterior da praza cuberta.
Estes temas poden ter varias procedencias. Unha das funcións de Ágora consiste en ensinar na Coruña as producións culturais propias, pero tamén as provenientes de todo o mundo que teñan sentido no contexto cultural coruñés. Pero, ademais de ensinar arte dentro do centro cultural, tamén Ágora ten a responsabilidade de dinamizar a cultura coruñesa a través da súa proxección fóra. É así que un centro cultural como Ágora debe propiciar un fluxo centrípeto que atraia aos creadores e ás manifestacións artísticas cara á Coruña, pero tamén debe xerar un movemento centrífugo a partir do cal se xere unha proxección exterior da actividade artística da Coruña.
Con este programa e coa súa potente arquitectura, o Centro Ágora é o referente da sociedade, da información e do coñecemento máis importante da Coruña constituíndose como un lugar onde tomar o pulso da implicación social da creación e do pensamento, como unha plataforma para a experimentación artística e creativa, como un punto de encontro para o debate e a reflexión, e como un centro multidisciplinar e interxeracional cun programa moi variado de actividades para todo tipo de públicos.
O Centro Ágora é, así, un equipamento cultural para o progreso social a través de intensos procesos de reflexión, fermentación, diseminación e evolución de ideas e contidos culturais, artísticos e sociais mediante intercambios significativos entre a produción cultural e a cidadanía.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible