Barahúnda é unha formación musical fundada en Madrid en 1998 e que xorde a partir da idea de Helena de Alfonso de crear unha banda de folk inspirada na música tradicional ibérica e as tres culturas.
Para público en xeral
15/05/2025
19:15 h
70 min
Centro Sociocultural Ágora. Lugar Gramela 17. 15010 A Coruña
Como todas as actividades do programa "Agra no Ágora", este concerto é de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra
Actualmente está integrado pola cantante Helena de Alfonso e Jose Lara Gruñeiro, guitarrista, ambos compositores e produtores. Decenas de colaboradores do ámbito do folk, a música antiga, a clásica e a world music gravaron ou tocaron en directo con Barahúnda a través dos anos en centenares de concertos na Península Ibérica e Baleares, sendo Galicia, Asturias, Madrid e Lisboa os lugares máis frecuentados nos últimos tempos.
Recentemente foron galardoados co Premio Barbantia 2024 á Iniciativa Cultural.
A discografía de Barahúnda consta de cinco álbums:
Os tres últimos traballos están inspirados, creados e gravados en Rianxo, onde Helena de Alfonso e Jose Lara Gruñeiro, ambos oriúndos de Madrid, residen desde 2010.
Barahúnda xa participou no programa Agra no Ágora en 2020 e en 2023. Nesta ocasión ofrécenos un concerto comentado sobre Fremosas. Cantigas de amigo e de amor, o quinto traballo da súa carreira mais o primeiro ao que non podemos chamar «disco» pois non existe fisicamente como tal, senón como un artefacto musical, literario e divulgativo.
Fremosas é algo máis que un libro que contén un disco. É o resultado de miles de horas de traballo, dúbidas e incertezas motivadas por unha pandemia que o condicionou todo e que se plasman finalmente nun libro (publicado pola Editorial Toxosoutos) que á súa vez contén unha colección de 12 cantigas galego-portuguesas musicadas por Barahúnda e accesibles a través de senllos códigos Qr.
Fremosas é sobre todo o froito do amor á música, á poesía, á Historia e ás historias: as nosas, as de calquera de nós, pasadas ou coetáneas que tanto se parecen. A intención de Barahúnda foi, desde o principio, a divulgación; dar a coñecer este tesouro que é a tradición cultural dos pobos. Desde a máis popular ata a dunha cantiga de amigo do século XIII, recollida nunha biblioteca e é, tamén, unha reflexión sobre a pegada feminina na lírica medieval.
O desexo de Barahúnda é que un público non especializado descubra o seu legado -nesta volta fermosos versos de setecentos ou oitocentos anos de antigüidade que un día foron cancións- aínda non sendo asiduos dos grandes auditorios ou dos ciclos de concertos de música antiga (algo que, doutra banda, recomendamos sinceramente). Repito: O seu legado, o de todas nós. A herdanza cultural que nos corresponde en canto humanos.
En Fremosas convidaron a escribir acerca de todo isto a un conxunto de especialistas: historiadoras, poetas, musicólogos, artistas etc. (Aurora Marco, Domingos Morais, José Luís do Pico Orjais, Txema Mawenya, José Luis Sanz García-Ochoa e Xesús Santos) que uniron os seus textos cos de Barahúnda -Helena de Alfonso e Jose Lara Gruñeiro- e coas cantigas que leva musicando desde 1998 ata a actualidade.
Pero Fremosas é primeiro de nada: MÚSICA. CANCIÓNS.
Como álbum, foi composto, arranxado e gravado por Barahúnda, no seu estudo Abuin Road* entre a primavera de 2020 e finais de 2022. Exceptuando: as percusións, que foron gravadas por Txema Mawenya no seu estudo de Asturias, Ca'Mawenya, por mor do pasado confinamento; un rajão de José Luís do Pico Orjais que, polo mesmo motivo gravou na súa casa; unha das violas da gamba de Xurxo Varela, gravada en O Porto e o piano de Margarita Viso Soto que gravaron no Auditorio de Rianxo. Todas estas partes foron mesturadas e masterizadas posteriormente por Barahúnda en Abuin Road.
Fremosas (o álbum) habita na páxina web que creou Nacho de Alfonso no seu estudo de Pontevedra.
*As percusións de Que leda, O anel do meu amigo e Triste and'eu velida foron gravadas anteriormente na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro por Ángel Ramallo, así como o baixo eléctrico de Que leda, que gravou no seu momento José Luis Sanz en Madrid. Todo iso foi remezclado e remasterizado para este traballo por Barahúnda.
Como todas as actividades do programa "Agra no Ágora", este concerto é de acceso libre e gratuíto; o programa está financiado polo Concello da Coruña e deseñado en colaboración coa Asociación veciñal Agra.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible