Ben profundo na terra e nas vellas tradicións orais dos seus pobos nacen as palabras deste lalinés e desta poeta mexicana en lingua zapoteca. Será un recital tinguido de oralidade, folclore e sabio legado de tradición.
Para público en xeral
27/03/2017
Xa rematou
20.30 h
Centro Sociocultural Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña
Entrada libre ata completar a capacidade
Natalia Toledo nace en Juchitán (Oaxaca) en 1967. É unha poeta de expresión maiormente zapoteca, aínda que tamén en español. Graduada pola Escola Xeral de Escritores de México (SOGEM), ademais de poeta é autora de contos e tradutora ao zapoteco. Recibiu bolsas do FONCA (Fondo Nacional para a Cultura e as Artes) para linguas indíxenas nos anos 1994, 2001 e 2004, e a de novos creadores do FOESCA (Fondo Estatal para a Cultura e as Artes) en 1995. Membro do Sistema Nacional de Creadores desde 2008, en 2010 realizou unha residencia artística na Universidade RMIT de Merbourne (Australia).
Ademais de catro libros de contos e un de traducións, publicou os poemarios Paraíso de fisuras (1992), Ca guna gu bidxa, ca guna guiiba' risaca [Mulleres do sol, mulleres de ouro] (2002), Guie' yaase' [Oliveira negra] (2004) -que recibiu o premio Nezahualcóyotl de Literatura, único Premio Nacional de literatura indíxena contemporánea en México-, Xtaga be'ñe' [Flor de pantano] (2005) e Dechebitoope [O dorso do cangrexo] (2015). O seu traballo literario inspirou óperas, ela mesma gravou tamén tres discos da súa poesía. Ademais de libros completos en inglés, francés e grego, poemas e relatos seus foron publicados en antoloxías e revistas en traducións ao mixe, chinanteco, mixteco, maia, inglés, italiano, francés, vietnamita, esloveno, alemán, grego, chinés, punjabi e éuscaro.
A irmá de Eurídice
Plantei un pochote no medio do camiño
e aledeime polas follas que me abrazaron,
dentro dunha nube que pasaba saltou unha culebra e
mordeume, caín polo talo da árbore até chegar ao cuarto
de Eurídice.
Ela sentiu mágoa por min e dixo:
O que aquí cae desgranará a culpa da soedade,
e así viñera Orfeo
xa non volverán os días en que o sol bañaba o teu corpo.
CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN
Nacido en 1969, o lalinense Celso Fernández Sanmartín licenciouse en Filosofía pola Universidade de Santiago. Ademais de poeta, é contador de contos e historias de tradición oral, faceta profesional que o leva por diferentes lugares do mundo. Durante moitos anos, en Lalín, traballou como animador sociocultural nunha residencia para persoas maiores.
A súa obra poética foi publicada maiormente en edicións de autor e de moi pequena tirada, o que non impediu que sexa enormemente apreciada polos lectores e a crítica. Esta, adoita encadralo na chamada Xeración dos 90, década na que se deu a coñecer. Fíxoo cos volumenes Divagaciós iu (1991), O tigre das cenorias (1994), Libro de poemas sen título (1995), Propiamente son captivo (1997), aos que máis adiante seguiron Fucsia, talladas, estampados, boca (2001), Arroz en branco con corazós cocidos (2010) e Fam pam (2013). Tamén colaborou co artista Álvaro Negro en Abro a xanela e respiro o aire fresco da fin do mundo (2009) e co fotógrafo Carlos Quintá en Pasaxeiras (2012). Ademais, ten publicada unha recollida de postais co título de Gratas e boas novas (2011), así como os despregables Dúas caras atentas (2013) -poemas que acompañan a dous colares deseñados por Baraka- e Repoboar (2015).
Este xabón
Este xabón acabouse
Queda unha lesca, unha escama
que
ou se pega a outro xabón
ou escapa da palma da mau
Ten o tamaño da pastilla da cabeza
e non chega para a cara
O xabón foime remedio dei sacado o anel que apertaba de
traballar engordáronme os dedos
Este xabón non leva azulete, azulete levábao o que faciamos
na casa
Leva outro tinximento Levará leite
Vaise gastando e vai abrancazando coma miolo sen ollos
Se queda pousado na humidade
vólvese visgoso, a lama da pileta lle chamaba
Axudoume a sacar o carmín do entroido
Ó non usalo, sécase
e xa se fala do xabón eterno
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible