15 de xaneiro de 2024
Persoal técnico municipal e da Universidade da Coruña examinaron os puntos onde se habilitarán os ancoradoiros. Como primeiro paso, será preciso executar obras de canalización da subministración eléctrica
O Concello da Coruña iniciou os traballos previos para instalar tres novas bases do servizo municipal BiciCoruña nos campus universitarios de Elviña e a Zapateira.
Persoal técnico municipal e da Universidade da Coruña (UDC) examinaron xa os puntos onde está previsto habilitar as tres estacións para proceder ao seu replanteo, enclaves nos que, como paso preliminar á posta en servizo, será necesario executar diversas intervencións de obra civil. Entre elas, a construción de gabias e instalación de tubaxes para canalizar a subministración eléctrica, ou a disposición das arquetas que estarán conectadas á rede.
Neste sentido, e tras se avaliar as opcións máis viables en termos de accesibilidade para as persoas usuarias, xa se concretaron as localizacións das estacións. Dúas delas estarán no campus de Elviña: a primeira, entre os edificios da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais, Portos e Obras Públicas e a Facultade de Informática; a segunda, entre os edificios das facultades de Dereito e Ciencias da Educación, na zona peonil que está fronte ao polideportivo universitario. A terceira das bases, a do campus da Zapateira, instalarase na beirarrúa que hai fronte á Escola Universitaria de Arquitectura Técnica.
Cada unha das tres bases disporá de 23 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos.
Tras os traballos de obra civil acometerase a instalación das bases
A instalación das novas bases de BiciCoruña esixe, nalgúns casos -mais non en todos-, a execución de obras correspondentes á canalización de subministración eléctrica que garante a operatividade da rede. Foi o caso, por exemplo, da estación habilitada meses atrás no barrio de Novo Mesoiro. E os traballos de infraestrutura serán similares no referente ás tres bases dos campus de Elviña e A Zapateira.
Por iso, a posta na rúa destas tres estacións levarase a cabo unha vez que rematen os traballos. Será a antesala da súa activación, un trámite que implica, previamente, a revisión da instalación eléctrica, unha vez que está conectada ás bases -un paso fundamental, co obxectivo de evitar posibles sobrecargas-, a instalación do software asociado ao servizo e tamén a autorización final de Industria.
As tres estacións de BiciCoruña que se instalarán nos campus universitarios de Elviña e A Zapateira incrementarán a 52 a cifra de bases activas na cidade nas vindeiras semanas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible