7 de abril de 2025
O programa continúa en abril e maio con percorridos guiados desde a Lonxa da Coruña aos mercados de Eusebio da Guarda e Elviña
O Concello da Coruña continúa co programa das Rutas Mariñeiras, unha iniciativa que busca dar a coñecer a actividade da Lonxa e dos mercados municipais da cidade, así como poñer en valor os produtos pesqueiros capturados pola frota local. Trátase de experiencias guiadas que achegan á cidadanía a tradición mariñeira da Coruña de forma didáctica e sensorial, fomentando ao mesmo tempo o consumo de proximidade.
"Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando por iniciativas que conecten o produto local coa cidadanía e contribúan á dinamización do comercio de proximidade. As rutas mariñeiras están a funcionar moi ben e son un exemplo do potencial dos nosos mercados como espazos vivos e cargados de valor social e económico", destacou a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas.
Cada ruta comeza cunha visita á Lonxa da Coruña, onde as persoas participantes, debidamente acreditadas, poden asistir á poxa en directo e coñecer o seu funcionamento. Posteriormente, realízase un percorrido guiado ata un dos mercados municipais, con paradas en lugares emblemáticos da cidade nas que se explican aspectos relacionados coas artes de pesca, a sostibilidade e o control de calidade do produto.
Xa no mercado, as persoas praceiras achegan a súa experiencia directa sobre o traballo diario e as características do peixe e marisco que comercializan. A ruta remata cunha degustación especialmente elaborada para a ocasión, con receitas que mesturan tradición e innovación.
Percorridos e datas para público adulto:
Un percorrido que destaca a riqueza da tradición pesqueira local co mercado como testemuña viva.
Unha ruta centrada na funcionalidade urbana e o papel do mercado como espazo cómodo e próximo
Rutas escolares:
O Concello organiza paralelamente visitas con escolares de diferentes centros educativos da cidade, dentro dunha aposta estratéxica por achegar á infancia o valor da tradición pesqueira e do comercio local.
A inscrición para as rutas está dispoñible na web oficial dos Mercados Municipais: Rutas mariñeiras .
O Concello da Coruña é beneficiario dunha axuda concedida ao abeiro da Orde do 28 de decembro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para proxectos das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e da Acuicultura 2021-2027, e concretamente para o GALP Golfo Ártabro Sur, ao que pertence o Concello da Coruña.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible