Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón e Castro de Elviña
Para público en xeral
Dende o 15/06/2024 ata o 16/06/2024
Xa rematou
As actividades son gratuítas e requiren inscrición previa.
Por orde de chamada ata completar a capacidade, no teléfono 981 189 850
Apertura do prazo de inscrición: martes 4 de xuño ás 10.00 h
1. Visitas guiadas:
1.1. Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón
Percorrido polo Castelo de San Antón e as distintas seccións do Museo Arqueolóxico e Histórico
- Sábado: 12.00 e 18.00 h
- Domingo: 12 h
- Duración aprox.: 1 h e 15 min
- Público: adulto
- Prazas: 25
- Gratuíto con reserva previa
1.2. Castro de Elviña
Visitas guiadas ao Castro de Elviña, nas que percorremos o xacemento e coñecemos o proceso de escavación e os avances das últimas campañas arqueolóxicas.
- Sábado e domingo: 12.00 h
- Duración aprox.: 1 h e 30 min
- Público: adulto
- Prazas: 25
- Gratuíto con reserva previa
2. Talleres infantís de Arqueoloxía
2.1. Museo Arqueolóxico e Histórico Castelo de San Antón:
Sábado 15 : "FIANDO O FÍO"
Viaxamos ao pasado para descubrir a moda prehistórica e achegármonos ás formas de vida a través da súa indumentaria. Que materias primas utilizaban? Tiñan ferramentas como as que temos hoxe en día? Observaremos e manipularemos diferentes obxectos, como fusaiolas. Para rematar experimentaremos o traballo das tecedoras empregando un tear que nos permitirá facer o noso propio tecido de la.
Domingo 16: "ROCK ART. A PINTAR!"
Durante a actividade achegarémonos á prehistoria a través das pinturas rupestres. Falaremos dos animais xa extintos, do tipo de vida... pero, sobre todo, dos pigmentos naturais e das ferramentas utilizadas para a súa creación. Teremos tempo de descubrir e experimentar coas diferentes técnicas para que cada quen cree a súa propia obra de arte prehistórica.
- Hora: 11.45 h
- Duración aprox.: 1 h e 30 min
- Público: de 6 a 12 anos
- Prazas: 20
- Gratuítos con reserva previa
2.2. Castro de Elviña:
Sábado 15: "ARQUEOLOXÍA EN ACCIÓN!"
A través dunha escavación simulada a cativada poderá achegarse ao traballo dos arqueólogos e arqueólogas. Serán quen de descubrir obxectos vinculados co xacemento de Elviña para coñecer deste xeito as formas de vida das persoas que habitaron o castro. Ademais, faremos un pequeno percorrido polo xacemento para descubrir as estruturas que foron quedando á vista tras as diferentes campañas de escavación.
Domingo 16: "PROSPECCIÓN ARQUEOLÓXICA EN ELVIÑA"
Como saben os arqueólogos onde teñen que escavar? Como delimitan o espazo? Que ferramentas utilizan? Un percorrido dinámico polo castro de Elviña que lle permitirá ao grupo achegarse ao labor dos arqueólogos coñecendo os traballos previos de prospección e preparación do terreo e tamén os traballos de gabinete que permiten descubrir as historias dos muros e dos obxectos. Durante o camiño terán que ir completando unha serie de probas grupais para descubrir os segredos que se agochan en Elviña.
- Hora: 17.00 h
- Duración aprox.: 1 h e 30 min
- Público: de 6 a 12 anos
- Prazas: 20
- Gratuítos con reserva previa
3. Talleres de experimentación para persoas adultas no castro de Elviña
Sábado 15: "SOBREVIVINDO Á PREHISTORIA"
Viaxaremos á Prehistoria para coñecer de primeira man os avances tecnolóxicos que permitiron que a calidade de vida fose cada vez mellor. Lume, industria lítica e ósea e arte da cinexética, un cóctel perfecto para sobrevivir na Prehistoria. Experimentaremos con estes materiais para achegarnos ás dificultades de cada un deles e tamén para coñecer as actividades realizadas naqueles tempos.
- Hora: 19.00 h
- Duración aprox.: 1 h e 30 min
- Público: persoas adultas
- Prazas: 20
- Gratuíto con reserva previa
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible