25 de xuño de 2024
A programación, que achegará a rapazada aos eidos da arqueoloxía, numismática e investigación, inclúe actividades para nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos. A participación é de balde
O Concello da Coruña abrirá este mércores 26 o prazo de inscrición nos obradoiros infantís de verán que terán lugar no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón e no Castro de Elviña entre os meses de xullo e agosto.
A oferta de actividades prevista nas vindeiras semanas inclúe un total de nove talleres, que se levarán a cabo entre os días 6 de xullo e 31 de agosto, sempre os sábados. Os obradoiros, de carácter lúdico e creativo, achegarán as pequenas e pequenos ao mundo da arqueoloxía e a numismática, o que lle brindará á rapazada unha oportunidade para remontarse atrás no tempo e coñecer, polo miúdo, as técnicas de fabricación de moeda na antiga Roma e a produción de cerámica na Prehistoria.
Tamén haberá xogos colectivos nos que as crianzas, traballando en dinámicas de grupo, descubrirán todos os segredos que garda o Castelo de San Antón, un concepto que tamén se estenderá ao Castro de Elviña, que acollerá a finais de xullo o 'Tesouro perdido', unha actividade familiar que, en forma de xogo de pistas, permitirá ás persoas participantes poñerse na pel dos antigos habitantes dos poboados ártabros. Desta forma, o Concello busca divulgar a historia e o patrimonio cultural da cidade baixo unha perspectiva interxeracional.
Coa posta en marcha desta programación, ideada para nenas e nenos en idade de 6 a 12 anos, o Goberno de Inés Rey reforza as súas iniciativas en materia de conciliación familiar.
Como xa é habitual, as persoas interesadas en formalizar a súa inscrición nos talleres poderán facelo por vía teléfonica, no número 981 189 850, a partir das 10.00 horas deste mércores 26 de xuño. Disporanse un máximo de 20 prazas por obradoiro.
A información completa xa está dispoñible na web do Concello, clicando na seguinte ligazón: Obradoiros de verán 2024 .
A protección solar, fundamental para as crianzas, ao ser actividades ao aire libre
Na maior parte dos casos, os obradoiros infantís de verán terán lugar en espazos abertos, polo que o Concello recoméndalle ás familias o seguimento de diversas pautas de prevención para o coidado das crianzas.
Por exemplo, o uso de roupa e calzado cómodo durante as sesións, así como unha gorra. Ademais, e dado que moitas actividades serán ao aire libre, tamén é importante o uso de protección solar e levar consigo unha botella de auga, para a hidratación das e dos pequenos.
A programación completa, día a día
O calendario de actividades no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón (12.00 horas) e o Castro de Elviña (11.30 horas) é a seguinte:
Actividades relacionadas
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible