Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de outubro de 2024

O luns 21 de outubro ábrese o prazo para o repartimento dos pases. Cada persoa poderá retirar, como máximo, dúas invitacións

Mercedes Peón no AgoraSón de outono

As invitacións para asistir á actuación só se poden conseguir nas Bibliotecas Municipais da Coruña ao retirar material, tanto de lectura como audiovisual, en lingua galega

O Concello da Coruña, a través de Normalización Lingüística, organiza o vindeiro sábado 26 de outubro unha nova edición do AgoraSón de outono, un evento cultural xa clásico destas datas no Centro Sociocultural Ágora, e que nesta ocasión contará con Mercedes Peón en concerto, ás 21.00 horas.

Esta iniciativa, que se leva a cabo co gallo do Día das Bibliotecas, está promovida por Normalización Lingüística, coa colaboración da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña.

Logo de 20 anos da estrea do seu primeiro disco, Isué, Mercedes Peón ofrécenos esta xira de Ingrávida percorrendo temas dos seus 5 discos editados en solitario, chea das influencias das recollidas de campo que fixo durante 25 anos polas aldeas, dos traballos cinematográficos ou para danza. Neste concerto estará acompañada polos grupos de pandeireteiras Raigañas, Xirifeiras, por voces líricas de ConcertoTempo, polo dúo Caamaño&Ameixeiras, Mónica de Nut e Ana Fernández, e o apoio audiovisual de Laura Iturralde. A cabalo do acústico e da electrónica, Ingrávida é unha homenaxe á persistencia da creación colectiva, que é un xeito de mirar o mundo. Neste sentido, este AgoraSón é xa un adianto á celebración das Letras Galegas 2025 que homenaxeará as cantareiras e a poesía popular oral. Mercedes Peón volve coller o sacho en directo no AgoraSón máis feminino!!

Compositora, vocalista e instrumentista galega, Mercedes Peón é considerada como unha das mulleres máis carismáticas da música actual e atesoura múltiples premios entre os que se poden salientar o Premio Nacional á Cultura da Xunta de Galicia ou o de Artista do ano para Folkword.

Segundo AgoraSón deste ano 2024

O AgoraSón lévase a cabo dúas veces ao ano: na primavera -polo Día das Letras Galegas- e no outono -en conmemoración polo Día das Bibliotecas-. O obxectivo desta proposta é dobre: ofrecer un espectáculo musical nun recinto tan especial como o auditorio do Centro Sociocultural Ágora e, en paralelo, levar a cabo un proceso de dinamización lingüística e de promoción da lectura, xa que as invitacións para asistir ao concerto só se poden conseguir nas Bibliotecas Municipais da Coruña ao retirar material, tanto de lectura como audiovisual, en lingua galega. O AgoraSón é un dos programas tradicionais de Normalización Lingüística, que xa tivo nos seus carteis a artistas da categoría das Tanxugueiras, Ruxe Ruxe, Luar na Lubre ou Boyanka Kostova.

Como e onde obter os pases?

O concerto terá lugar o sábado 26 de outubro, ás 21.00 horas, e só será posible a asistencia entregando a invitación previamente retirada nas Bibliotecas Municipais. O repartimento destas invitacións comezará o luns 21 de outubro, e cada persoa poderá retirar, como máximo, dúas invitacións, que son sen numerar. Repartiranse, ata esgotárense, co préstamo de material en lingua galega (libros, películas, CDs de música etc.) nas bibliotecas municipais, no horario de apertura de cada centro.

Faranse dúas quendas de repartimento: 

  • Horario de mañá: a partir das 9.00 h
  • Horario de tarde: a partir das 16.00 h

Consulta os horarios de cada unha das bibliotecas e do Punto de Préstamo de Mesoiro.

De sobraren invitacións, estarán ao dispor do público o día do concerto (26 de outubro) a partir das 20.00 h na Conserxería do Centro Ágora.

Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras pola/s que desexas buscar nas nosas actividades

Tamén podes revisar a nosa axenda de actividades

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión