Os peóns, aínda que somos a parte máis fráxil do sistema da circulación, tamén podemos provocar un accidente con danos a outras persoas se se producen casos como que algún condutor se vexa obrigado a dar un volantazo para evitarnos. Coa proliferación de ciclistas e carrís-bici, cada vez son máis as normas que debemos cumprir.
1.-Se consumimos drogas ou algún medicamento que limite as nosas facultades, o máis conveniente é que non paseemos sós pola rúa, xa que podemos ser vítimas dun accidente provocado por nós mesmos e no que se poden ver danadas, tamén, outras persoas.
2.-Para ser un bo peón, temos que camiñar polo lugar que nos corresponde, é dicir, pola beirarrúa.
É certo que en ocasións, os malos condutores deixan os seus coches aparcados de modo que nos obrigan a invadir a vía. Neste caso, debemos facelo o máis pegado ao vehículo que poidamos e acelerando o paso para reducir ao máximo o noso paso pola estrada.
3.-Para cruzar, debemos facelo polos pasos de peóns, se podemos, por aqueles que teñen semáforo, xa que contribuiremos así á axilidade do tráfico.
En calquera caso, un bo peón sempre debe atravesar os pasos de peóns a paso lixeiro, sen correr, e mirando sempre a ambos os dous lados da vía por se algún condutor despistado non nos viu e tería que pegar unha freada para deixarnos pasar.
4.-Ao atravesar a calzada, os peóns debémolo facer en liña recta, de maneira que o fagamos o máis rápido posible, e nunca en diagonal nin facendo zigzag.
5.-Cando camiñemos polas beirarrúas da cidade, temos que estar pendentes da circulación e especialmente dos vaos que nos indican a presenza de garaxes, para evitar ser atropelados por un vehículo que se quere incorporar á vía.
6.-Ante un coche que está a facer unha manobra, os peóns nunca debemos pasar por detrás del, xa que un descoido pode provocar un accidente. Sempre debemos rodear o coche para camiñar por diante, de modo que a persoa condutora poida vernos con claridade.
7.-Se nos vemos obrigados a andar por unha estrada, nunca autoestradas nin autovías, sempre debemos facelo polo lado no que os coches nos veñan de fronte, de maneira que poidamos velos chegar.
8.-Un bo peón nunca debe camiñar polo carril-bici e, ademais, cando nos vexamos obrigados a atravesalo teremos que mirar a ambos os dous lados como se se tratase da estrada.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible