Concello da Coruña

Concello da Coruña

Presentación

O Corpo de Policía Local garante a presenza policial na cidade co desenvolvemento das seguintes funcións e obxectivos:

FUNCIÓNS

- Vixilancia do cumprimento das Ordenanzas Municipais, Bandos da Alcaldía, Regulamentos Municipais e demais disposicións que atribúen competencias en materia de policía.

- Vixilancia da convivencia cidadá, actuando naquelas situacións nas que sexa necesario e colaborando con outras Forzas e Corpos de Seguridade.

- Coordinación coas asociacións cívicas, veciñais etc., existentes.

- Coordinación con outras Áreas e outros órganos municipais ao obxecto de lograr unha maior rapidez e eficacia nas súas actuacións.

· Vixilancia e ordenación do tráfico nas vías do termo municipal.

OBXECTIVOS

Formúlanse como obxectivos:

1. Mellorar a estrutura funcional e organizativa da Policía Local, orientándoa a reforzar a Policía de Barrio, incrementando a cobertura, regulando as actuacións e actitude proactiva no desenvolvemento das tarefas, para garantir a calidade do servizo prestado aos cidadáns.

2. Mellorar a comunicación e coordinación con outras Forzas e Corpos de seguridade e Servizos de Emerxencia, para incrementar a eficiencia nos servizos aos cidadáns.

3. Aumentar o labor de prevención sobre condutas insolidarias e a vixilancia das normas de circulación para tratar de mellorar os índices de seguridade viaria e a convivencia entre os diferentes modos de transporte na cidade.

4. Apostar pola innovación e as novas tecnoloxías. Implantación de ferramentas informáticas específicas para a xestión dos datos referidos ás actuacións policiais, co obxecto de mellorar a organización interna e a análise das actividades que se realizan para incrementar a efectividade policial.

Unidades de distritos

A nova organización das Unidades de Distritos, que comezou en marzo de 2012, consolidouse no 2013 e continúa ata a actualidade, realizouse en función dun estudo socio-policial incluído no primeiro Plan Local de Seguridade da historia da cidade. Este plan recolle a análise de factores territoriais, sociais e policiais que determinaron a segmentación da cidade en catro zonas de traballo policial. As medidas adoptadas, a reestruturación funcional e a incorporación de novos policías permitiu poñer en marcha a Policía de Barrio en todos os barrios da cidade formada por patrullas a pé, patrullas en motos e coches patrulla do 092.

O traballo dos efectivos da Unidade de Distritos Diúrna e da Nocturna, compleméntase cos mandos e policías da Unidade de Tráfico e todas elas intégranse mediante a Unidade de Coordinación e Apoio (Sala 092, Planificación Operativa, Documentación e Seguridade).

A reorganización da Policía Local supuxo que máis da metade dos efectivos policiais formen parte da Unidade de Distritos Diúrna (policía de barrio).

Tamén se incrementou o control sobre o cumprimento das Ordenanzas e sobre as actividades relacionadas co Tráfico que inflúen negativamente no tráfico diario e na seguridade viaria: controis de alcoholemia, velocidade, cintos, cascos e outras infraccións dinámicas.

As actuacións relacionadas coa seguridade dos cidadáns seguen ocupando gran parte da actividade, tanto en actuacións ordinarias como mediante dispositivos especiais en función de actividades ou épocas do ano (centros de ensino, Nadal, verán, venda ambulante, control establecementos, San Xoán...) e continuouse colaborando co Corpo Nacional de Policía para diminuír a taxa de criminalidade na cidade; unha taxa que está por debaixo da media de Galicia e moi por debaixo da media estatal.

Doutra banda, continuouse co dispositivo de vixilancia e control do lecer nocturno na zona do Orzán. Os policías locais que forman parte deste dispositivo realizaron actuacións relacionadas co control de estacionamentos indebidos, infraccións ás normas de seguridade cidadá e incumprimentos das ordenanzas municipais.

Tamén é necesario destacar que continuamos co dispositivo de control de tráfico en Alfonso Molina realizado diariamente en hora punta de entrada e saída. Unha patrulla da policía local apoiada por un guindastre municipal auxilia aos vehículos que sofren accidentes e despexa a vía canto antes para paliar na medida dos posibles atascos de tráfico. Hai que sinalar que baixou de forma significativa a intensidade das retencións de tráfico orixinadas por accidentes, grazas á intervención inmediata da policía local e do guindastre, en coordinación coa Garda Civil de Tráfico.

No ano 2024 preténdese continuar cos controis e a vixilancia nas grandes áreas de actuación:

Tráfico: Controis preventivos para tratar de diminuír os accidentes e as vítimas derivadas dos mesmos, así como facilitar a mobilidade e seguridade de vehículos e peóns na cidade.

Ordenanzas: Control das actividades suxeitas a licenza municipal e a vixilancia do cumprimento da normativa municipal de ruídos e ambiental, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños.

Seguridade: Mellorar e potenciar a colaboración existente co Corpo Nacional de Policía para continuar mantendo os niveis de seguridade cidadá.

Quen somos

Onde estamos

Organización

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión