16 de xaneiro de 2018
O goberno local investirá preto de 200.000 euros nas actuacións, que se porán en marcha no primeiro trimestre deste ano. A edil Silvia Cameán lembra que o ano pasado o executivo municipal destinou máis de 98.000 euros á reparación e reposición de materiais
A Concellería de Xustiza Social e Coidados ten previsto realizar unha serie de obras de rehabilitación na rede de centros cívicos municipais, e que se suman aos traballos de mantemento desenvolvidos nos últimos meses para mellorar as súas condicións. Deste xeito, e como indica a concelleira desta área, Silvia Cameán, o Concello prevé investir nos próximos meses preto de 200.000 euros nestas actuacións, que terán como obxecto acondicionar os centros de Santa Lucía -en Fernández Latorre-, Os Mallos e San Diego. Neste último, e segundo indica a responsable municipal, están previstas dúas intervencións, unha para reparación de canalóns e baixantes -orzamentada en 18.000 euros- e unha segunda para independizar a calefacción -cun importe de licitación de 72.608 euros-, que xa está adxudicada. No centro cívico dos Mallos, os traballos previstos, e que foron adxudicados por 12.705 euros, servirán para evitar as filtracións de auga e se iniciarán, segundo adianta Cameán, "tan pronto como as condicións meteorolóxicas o permitan". En canto á obra no equipamento de Santa Lucía, a concelleira lembra que as obras de mantemento realizadas nos últimos anos "foron deficientes respecto ás necesidades da infraestrutura", polo que se someterá a traballos de rehabilitación, unha vez que se resolva a licitación, que se abriu por un importe de 86.253 euros.
A estas intervencións súmanse as actuacións de mantemento, reparación e reposición de materiais realizadas no pasado exercicio, ás que o goberno local destinou un total de 98.062,65 euros. Entre elas, inclúense a desenvolvida no centro cívico de Eirís, que supuxo o arranxo das albardillas e o selado das ventás, por importe de 3.037 euros. De igual xeito, no centro cívico de Monelos, procedeuse á reparación e acondicionamento do chan do ximnasio, unha actuación que rondou os 4.000 euros, mentres que no equipamento cívico de Palavea reparouse a calefacción, unha operación na que se investiron 2.977 euros.
Entre as actuacións de reposición e renovación de materiais, o pasado ano o goberno local investiu máis de 21.000 euros en subministro de mobiliario para a rede de equipamentos municipais, entre os que se inclúen tamén a Oficina Municipal de Dependencia, o centro Abeiro ou os pisos de emerxencia social, co obxectivo de "mellorar a calidade dos servizos que se ofrecen ás usuarias e usuarios dos centros, e favorecer a creación de espazos máis confortables e amables para veciñanza", sinala Cameán. Entre as melloras acadadas no exercicio de 2017, sitúanse a compra de biombos, cadeiras e butacas para o centro cívico dos Mallos, cun importe de 5.713 euros, a instalación de estores no centro da Silva --por valor de 3.383 euros--, novas mesas para o equipamento de Artesáns --unha actuación á que se destinaron 2.857 euros--, ou a compra de taquillas para o centro de Monte Alto, que supuxo un investimento de 1.271 euros. Durante 2017, tamén se ampliou o subministro de biombos en Novoboandanza --611 euros--, colocouse un termo eléctro no equipamento de San Pedro de Visma --679 euros-- e unha campaña de cociña en Elviña --319 euros--, e ampliouse o número de cadeiras no centro cívico de Monte Alto e no UAS de Catro Camiños --479 euros--.
"De cara a este ano, a Concellería de Xustiza Social e Coidados seguirá comprometida co mantemento e impulso das infraestruturas que dela dependen, como é o caso dos centros educativos, os pisos de emerxencia social ou da propia rede de centros cívicos municipais, espazos socioculturais de referencia na vida dos barrios", afirmou Silvia Cameán.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible