Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de novembro de 2024

O Concello oferta máis de 650 prazas nos campamentos de Nadal que se desenvolverán na Cidade Deportiva de Riazor e nos centros cívicos municipais

"O noso obxectivo é poñerlle todas as facilidades ás familias e adaptarnos ás súas necesidades de conciliación nunhas datas tan sinaladas como as festas de Nadal", apuntou a alcaldesa, Inés Rey

O Concello xa está a ultimar a programación definitiva de actividades socioculturais con vistas ás festas de Nadal, nas que, como xa é habitual, haberá propostas para todos os públicos con énfase nas orientadas aos máis pequenos, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar.

A este respecto, este mércores abriuse o prazo de preinscrición nos campamentos deportivos de Nadal que organiza o Concello nas instalacións da Cidade Deportiva de Riazor. Como xa é habitual, todas as actividades están orientadas ás crianzas, concretamente no treito de idade de 6 a 12 anos, con preferencia para as persoas empadroadas no termo municipal.

A programación, que se desenvolverá entre finais de decembro e inicios de xaneiro, permitiralle ás nenas e nenos gozar dun amplo abano de disciplinas deportivas, como o atletismo, a escalada deportiva, loita e defensa persoal, bádminton, xadrez, xogos acuáticos e actividades en espazos naturais, ao aire libre.

Os campamentos deportivos de Nadal levaranse a cabo en dúas quendas: a primeira, entre os días 23, 24, 26 e 27 de decembro; a segunda, os días 30 e 31 de decembro, continuando os días 2 e 3 de xaneiro.

Cómpre lembrar que, un ano máis, o Concello ten previsto habilitar dous horarios diferenciados: xeral (de 09.00 a 14.00 horas) e outro ampliado, orientado á conciliación (con entrada entre as 08.30-09.00 e saída ás 14.00 ou ás 14.30 horas). "Desta forma, buscamos ofrecerlle todas as facilidades ás familias coruñesas, adaptándonos ás súas necesidades", expuxo a alcaldesa, Inés Rey, que apuntou que a opción do horario ampliado non supón un custo engadido, xa que o prezo xeral será único: de 35,04 euros por participante e quenda.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, precisou que "o Concello oferta 144 prazas nos campamentos deportivos de Nadal, con 72 prazas por quenda".

As datas a ter en conta

A preinscrición nos campamentos deportivos de Nadal estará habilitada ata este domingo 24, incluído. Poderá formalizarse a través do formulario dixital habilitado na páxina web do servizo de Deportes do Concello.

Xa o día 26 de novembro, publicarase a listaxe provisional de solicitantes, abríndose entón un prazo para a corrección de erros, ata o día 28. O día 29 publicarase a listaxe definitiva para o sorteo, que terá lugar o 2 de decembro.

As e os menores que obteñan praza poderán formalizar a súa matrícula do 5 ao 12 de decembro, ambos os días incluídos. Poderá facerse en liña e tamén por vía presencial, no Palacio dos Deportes de Riazor.

Máis de 500 prazas nos campamentos de Nadal dos centros cívicos

Ademais, Inés Rey adiantou hoxe que o vindeiro luns 25 abrirá a preinscrición nos campamentos de Nadal que terán lugar nos centros cívicos municipais, ideados para nenas e nenos en idade de 4 a 12 anos. A oferta será de 525 prazas, máis de medio milleiro, das que haberá prazas específicas para menores con necesidades educativas especiais.

As actividades terán lugar os días 23, 26, 27 e 30 de decembro, tendo continuidade tamén a inicios de xaneiro. Concretamente os días 2, 3 e 7. Haberá, ademais, dous tipos de horario: xeral (de 10.00 a 14.00 horas) e ampliado (de 09.00 a 14.30 horas).

A este respecto, serán sete os centros cívicos municipais nos que se ofertará o horario ampliado nos campamentos de Nadal: O Castrillón, Monte Alto, Os Mallos, Os Rosales, Novoboandanza, Novo Mesoiro e San Diego. Por outra banda, o horario xeral habilitarase nos de Artesáns, Castro de Elviña, Cidade Vella, Eirís, Elviña, Feáns, Labañou, Monelos, Palavea, Pescadores, Sagrada Familia, San Pedro de Visma e Santa Lucía.

O sorteo de prazas entre as preinscritas e preinscritos, o xoves 5 de decembro

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, expuxo polo miúdo o procedemento desta convocatoria, que estipula a preinscrición entre o 25 e 27 de novembro, "ambos os días incluídos". Será preferentemente en liña, a través da web de Servizos Sociais, ou ben por vía telefónica (695133494).

Tras a publicación da listaxe de nenas e nenos preinscritos, xa o xoves 5 de decembro terá lugar o sorteo das prazas. Será o martes 10 de decembro cando se publiquen as listaxes de admitidas e admitidos, así como a de agarda.

A inscrición definitiva, co pagamento dos campamentos (26 euros no formato de horario xeral, 32 euros no de horario ampliado), estará habilitada entre os días 11 e 14 de decembro.

Toda a información ao respecto poderá consultarse na web do Concello, así como nos centros cívicos municipais e a través do 010.

Documentos:

Descarga aquí a guía básica dos Campamentos de Nadal 2024-25 e resolve as túas dúbidas (8 MB)

Tamén che pode interesar

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión