Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cemiterio Municipal de Santo Amaro

Enderezo:

Rúa Orillamar s/n, Bj. 15002 A Coruña

Teléfono:

+ (34) 981 189 825

Fax:

+ (34) 981 189 825

Servizos:

Accesible para persoas con discapacidade

Horario:

Luns a domingo e festivos de 09.00 h a 18.00 h.

Nesta época do ano, co Día de Defuntos e de Todos os Santos como protagonistas, os cemiterios convértense en lugares de visita obrigada por motivos familiares, culturais e mesmo sociais. O de Santo Amaro é unha das xoias arquitectónicas e históricas da cidade, catalogado por National Geographic como un dos camposantos máis bonitos do planeta.

Máis de 200 tumbas de políticos, pintores, escritores, heroes ou xente da aristocracia localízanse nun cemiterio que desde o 2013 forma parte da Ruta de Cemiterios Europeos previo ingreso na Asociación Europea de Cemiterios Significativos (ASCE), rede europea de organizacións que se dedican á preservación e presentación dos cemiterios como parte importante do patrimonio cultural.

Hoxe querémosvos contar algúns dos segredos que esconde este cemiterio inaugurado en 1813 despois de que se prohibisen, un ano antes, os enterros nas igrexas e na súa contorna.

Este camposanto situado fronte ao mar está dividido en tres zonas ben diferenciadas: a relixiosa, a civil e a británica; esta última privada e pechada ao público.

Nel destacan dous monumentos colectivos como son o Monumento aos Mártires da Liberdade -que se levanta no lugar onde descansaron outrora os aviadores alemáns da II Guerra Mundial, trasladados ao Cemiterio de Yuste (Cáceres)- e a Columna tronzada, en recordo da folga xeral de 1901 considerada como a primeira gran folga xeral da historia do movemento obreiro galego.

PERSOEIROS ILUSTRES ENTERRADOS EN SANTO AMARO

Manuel Curros Enríquez. Escritor e poeta. Aínda que naceu en Ourense, declarouse un namorado da cidade herculina e por iso pediu ser enterrado en Santo Amaro. As crónicas da época reflectiron que o seu funeral foi multitudinario, chegando a falar de ata 40.000 persoas que compareceron tras o seu féretro camiño ao cemiterio.

Eduardo Pondal. Un dos galegos máis ilustres, autor de Os Pinos, a letra do Himno de Galicia. Falecido en 1917, cada 8 de marzo a Fundación Eduardo Pondal interpreta ante a súa sepultura o Himno.

Wenceslao Fernández Flórez. Este escritor coruñés, creador de El Bosque Animado, faleceu en Madrid en 1964 e tamén quixo ser enterrado neste máxico cemiterio. Este ano, o Concello elixiu a súa figura para homenaxear o Día de Todos os Santos. Tamén se lembrará a Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal, fundadores da editorial Lar en novembro de 1924.

Manuel Murguía. Pai da historiografía e da Real Academia Galega. Descansa en Santo Amaro cos cinco fillos que tivo con Rosalía de Castro, quen ocupa un lugar de honra no Panteón de Galegos Ilustres do Convento de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago de Compostela.

Juana de Vega. A escritora, destacada figura do liberalismo coruñés, morreu en 1872 e está enterrada co corazón do seu marido, militar falecido en Barcelona anos antes, que gardaba nunha urna.

Pedro Barrié de la Maza, conde de Fenosa. Este coruñés dirixiu o Banco Pastor durante máis de 30 anos e a súa pegada segue viva a través da Fundación que creou en 1966.

Conchita Picasso. A irmá do pintor Pablo Picasso faleceu de pequena por difteria. Dise que o falecemento de Conchita Picasso foi o motivo polo que a familia do  famoso pintor abandonaron a cidade. A tumba non está identificada no cemiterio, aínda que se barallan varias localizacións dentro do mesmo.

MÁIS PERSOEIROS ENTERRADOS EN SANTO  AMARO

En Santo Amaro tamén descansan Alfonso Molina, alcalde da Coruña de 1947 a 1949, os irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte, fundadores das Irmandades da Fala; Chao Maciñeira, política, o xornalista e cineasta Alejandro Pérez Lugín; Emilio González López, un dos propulsores do Estatuto de Autonomía de Galicia; o médico e político Ramón Pérez Costales ou Manuel Lugrís Freire e Andrés Martínez Salazar, presidentes da Real Academia Galega.

UNHA XOIA DA ARTE

Entrar no cemiterio de Santo Amaro é percorrer corredores e departamentos cheos de arte. Desde obeliscos exipcios ata capelas modernistas, pasando por panteóns neogóticos ou xónicos e un dolmen cun cruceiro enraizado como o que destaca na sepultura do regueifeiro Pena.

Visitar as tumbas deste espectacular camposanto é mergullarse nunha mestura de cultura e, estando en Galicia, non podían faltar reminiscencias ao noso pasado máis de lenda a través, por exemplo, de cruces celtas. Ademais, cabe destacar a capela de Santo Amaro, que está catalogada como o máximo expoñente do neoclasicismo en Galicia. Se estes días estás na Coruña, penetra nun dos cemiterios máis antigos do mundo e descubre todos os seus misterios.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión