16 de novembro de 2021
Con esta campaña da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación búscase que as persoas con limitacións na súa mobilidade teñan alternativas que faciliten os seus desprazamentos
Este mércores 17 de novembro arranca o prazo para solicitar o Bono Taxi 2022 posto en marcha polo Concello da Coruña a través da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación. O obxectivo deste programa é garantir un medio de transporte para aquelas persoas con mobilidade reducida que teñen dificultades para acceder ao transporte público colectivo.
O Concello da Coruña porá a disposición das persoas usuarias uns bonos cos que sufragará parte das viaxes en taxi que realicen. Este programa ten un orzamento total de 155.000 euros e estará vixente durante todo o ano 2022. O importe máximo que recibirá en forma de bonos cada beneficiario/a será de 1.000 euros.
Esta convocatoria de axudas económicas do Concello da Coruña está dirixida a persoas cunha diversidade funcional que afecte gravemente á súa mobilidade e lles impida usar os medios de transporte público colectivos. Deste modo, o Goberno local daralles un servizo alternativo para os seus desprazamentos a través deste Bono Taxi.
Para solicitar estas axudas deberase acreditar un grao de discapacidade recoñecida polo organismo competente da Xunta de Galicia que impida o uso habitual do transporte público colectivo. Ademais, estas axudas están destinadas a persoas maiores de tres anos, residentes e empadroadas na Coruña e sen vehículo propio en caso de maiores de 18 anos.
O prazo para solicitar o Bono Taxi 2022 comeza este mércores despois de que o BOP publicase esta mañá a resolución da convocatoria. Poderase solicitar por rexistro físico ou electrónico na sede do Concello da Coruña cun formulario específico para esta campaña. O prazo rematará nun mes, o 17 de decembro. "Desde a nosa chegada ao Goberno municipal houbo o compromiso de axilizar os prazos para a convocatoria deste Bono Taxi. Así, buscamos favorecer que as persoas usuarias poidan solicitar os seus bonos antes do Nadal e utilizalos durante todo o ano", sinalou a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira.
Con esta iniciativa o Goberno local de Inés Rey busca que toda a cidadanía teña acceso a un transporte de calidade, sexa cal sexa a súa condición física. Os bonos seranlles entregados ás persoas beneficiarias en formato papel e ofrecerán descontos de ata 3 euros por cada viaxe. A persoa deberalle aboar o importe restante ao/á taxista, resultante da diferenza entre o valor do bono entregado e o importe total da carreira. As axudas serán persoais e intransferibles. As persoas beneficiarias deberán facer constar a súa sinatura no bono e exhibir o seu documento de identidade ante o/a taxista.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible