Concello da Coruña

Concello da Coruña

CIAV: O Centro de Interpretación e Atención a Visitantes

Imaxe

O actual Centro de Interpretación e Atención a Visitantes (CIAV) sitúase aos pés da rampla que dá acceso á Torre de Hércules. Destinado a recibir e proporcionarlles ás persoas visitantes información histórica e actual relacionada co monumento e a súa contorna, está composto por dous cubículos, un destinado a espazo de recepción onde, ademais de información sobre a Torre, se pode obter información sobre os recursos turísticos da cidade e mercar as entradas para as visitas ao monumento.

No segundo espazo, na parte esquerda, dispóñense distintos módulos, mapas, maquetas e pantallas interactivas que lles ofrecen ás persoas visitantes información sobre a evolución histórica do faro e a súa contorna desde o punto de vista patrimonial, cultural e social. Móstranse tres mapas en relevo nos que se analizan datos relativos ao ben, incidindo na importancia das rutas comerciais desde a época romana ata os nosos días e sitúan as persoas espectadoras no contexto temporal que deu orixe ao faro. Exponse tamén unha maqueta dun trirreme romano, ademais da reconstrución hipotética do edificio en época romana xunto á torre actual, o que permite comparar os dous momentos históricos do edificio e recrear o orixinal.

Existen varias pantallas que permiten revisar a recompilación de información que se presenta sobre o monumento, incluíndo carteis, imaxes, mapas ou planos antigos. Pódese visualizar tamén unha proxección que explica, mediante unha sucesión de imaxes, as fases de configuración do edificio. Os contidos complétanse con paneis informativos sobre a evolución histórica da Torre e os acontecementos máis relevantes, a descrición dos modelos construtivos romanos, a Tábula Peutingeriana, as sinaturas de quen interveu no edificio e a evolución da súa función como sinal marítimo e instrumento de axuda á navegación desde a súa orixe ata a actualidade.

CIAV

A escultura de Hércules

O Centro de Interpretación da Torre de Hércules conta cunha peza singular, unha escultura de Francisco Leiro que representa o noso Hércules, co seu lendario mazo e cuberto coa pel do león de Nemea.

Leiro é un dos escultores galegos con maior proxección internacional do panorama artístico actual, vencellado nos seus inicios co Grupo Atlántica. Nado en Cambados en 1957, estableceuse en Nova York a partir de 1988, momento no que comezou a traballar para a galería Malborough. As súas obras atópanse nos máis importantes museos de arte en todo o mundo e nas grandes coleccións particulares e institucionais.

É na madeira onde Leiro atopa a súa expresión máis xenuína, aínda que traballou con distintos materiais. O Hércules do Centro de Interpretación é un baleirado en bronce e un bo exemplo do seu peculiar estilo de tratar a materia de forma contundente e buscando expresar na humanidade dos seus personaxes unha visión a miúdo tráxica ou irónica.

Leiro é autor tamén das portas da Torre de Hércules, realizadas en bronce. O escultor utiliza as portas do monumento para facer un relato visual do patrimonio inmaterial da Torre por medio de imaxes en relevo. Así, desprega os mitos e as lendas do monumento sobre as follas das súas dúas portas principais, evocando dalgún modo a narrativa das vidreiras das antigas catedrais.

  • CIAV

  • Que che parece esta sección?

    -101-101-101

    Síguenos en

    Iniciar sesión