A mobilidade pola Coruña é doada grazas a unha magnífica rede de transporte público, cunha importante frota de autobuses e taxis.
Existe a posibilidade de desprazarse en bicicleta a través do carril bici ou o cómodo que é paseala a pé, a forma máis saudable e sostible, que permite gozar da Coruña ao aire libre.
Sen dúbida a mellor forma de moverse pola cidade é a pé. A Coruña é unha cidade ideal para coñecer andando.
Descubre aquí algunha das nosas Rutas temáticas a pé.
As distancias son relativamente curtas entre os diferentes atractivos turísticos e tanto o seu Paseo Marítimo como o centro da cidade convidan a pasealos comodamente.
A Coruña é unha cidade idónea para moverse en bicicleta. Actualmente dispón dunha rede de máis de 35 km de carril bici, dos que máis de 13 km están no Paseo Marítimo, onde poderás gozar de pedalear sentindo a brisa do mar.
Ao longo do Paseo Marítimo dispós de varios establecementos de , Alugueiro de bicicletas e transporte sostible e se vés para unha tempada, podes mesmo facerche membro de BiciCoruña e así dispoñerás mensual ou anualmente das bicicletas grazas ao Cartón Millenium.
Se tes que moverte dun lado da cidade a outro, a mellor opción é sempre o bus. Os característicos autobuses vermellos da cidade son parte da estampa urbana e levaranche onde desexes.
Na app iTranvias ou na web de Tranvías (así é o nome da compañía coruñesa de autobuses) tes toda a información para planificar a túa ruta ou saber canto queda para que chegue o bus en tempo real.
Se queres chegar directo, ou queres facelo de forma cómoda, o taxi sempre estará disposto a axudarche. Tes dúas opcións, podes chamalos ou ben collelos nas paradas habilitadas pola cidade.
Unha vez na Coruña tes varias opcións para moverte polas nosas rúas. O coche é unha das opcións, mais ten presente que a maior parte das rúas céntricas son peonís ou só para residentes, como a totalidade da Cidade Vella.
É recomendable que cando chegues á Coruña busques Aparcadoiros públicos e utilices outros métodos para o transporte.