Concello da Coruña

Concello da Coruña

Capital da moda galega

Moda a pé de rúa

Existen no mundo lugares coñecidos pola súa capacidade de influír sobre o resto do globo no ámbito da moda. Capitais con influencia sobre o sector téxtil, cidades que marcan tendencias, con grandes polos de venda, deseño e innovación de produtos de roupa e complementos. Urbes nas que viven e traballan deseñadores de vangarda e que marcan o rumbo para seguir durante as diferentes tempadas.

A Coruña, pequena en comparación con urbes como París, Milán, Nova York ou Londres, conta cunha capacidade tanxible de influencia no sector. A nosa cidade, como berce de Inditex, o maior grupo téxtil do mundo, fíxose un oco no panorama internacional. As marcas do grupo expándense por toda a cidade e atraen os mellores deseñadores do planeta. A cidade respira moda por todos os seus costados. Milleiros de persoas visitan a cidade coa vista posta nos seus escaparates. Influenciados polas tendencias que marca o xigante téxtil, os coruñeses marcan o camiño ao resto.

A Inditex súmanselle outras grandes empresas téxtiles galegas e deseñadores que se estableceron na Coruña, precisamente polo seu protagonismo no sector. Esa influencia pálpase no vestir da cidadanía. A cidade desenvolveu unha especial sensibilidade coa moda e o deseño. Os looks que se aprecian nas rúas son sofisticados, innovadores e compiten con calquera das capitais mencionadas anteriormente.

A Coruña é, ademais, o escaparate de lanzamento en moitas ocasións das campañas de Inditex, polo que as persoas visitantes e os trend hunter aproveitan para achegarse á cidade para interesarse polas novidades que pouco despois acaban convertidas en referencia mundial.

Nos últimos vinte anos naceron múltiples firmas que xa iniciaron a súa expansión internacional. Deseñadoras/es que se formaron na Coruña, cidade-escola cunha identidade de vangarda propia. Sara Coleman, Paula Zavala, Mónica Cordera, Juanjo Rig, cimentaron as súas carreiras neste territorio atlántico e os seus deseños xa calaron no sector.

Influencia no panorama internacional

Outros grandes deseñadores que se formaron nesta cidade son o betanceiro Jorge Vázquez ou o asturiano Arturo Obejero. Obejero, de feito, é o encargado de vestir a grandes estrelas da música como Harry Styles. Como referencia da moda mundial, A Coruña tamén conta coas máis importantes influencers de moda de España. Gala González é considerada a primeira blogueira de moda española.

En definitiva, A Coruña é un destino de moda tanto para consumidores/as e creadores/as. A cidade crea, fabrica, produce e vende téxtil. Poucas cidades no mundo teñen a capacidade de albergar con tanto atino as diversas etapas da industria da moda. O Atlántico abraza por completo a cidade do mesmo xeito que o fai a moda. A Coruña é influencer. A Coruña é innovación. A Coruña, por tanto, é a moda.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión