Concello da Coruña

Concello da Coruña

Que mercar na Coruña?

Unha experiencia única e a medida

Como cidade de referencia no sector téxtil e artesanal, A Coruña será o teu destino de preferencia para unha experiencia de compras única. Unha das mellores experiencias das persoas visitantes é acudir a Juan Flórez para gozar da primeira tenda de Zara da historia.

Amancio Ortega abriuna en 1975 e case medio século despois segue albergando o buque insignia de Inditex. O xigante téxtil influíu de xeito determinante na cidade, onde apareceron numerosos deseñadores e firmas que están na vangarda europea da moda.

Ademais das tendas do xigante téxtil, na praza de Lugo, meca da moda coruñesa, atoparás espazos de moda innovadores que chaman de inmediato a atención das e dos visitantes. Un bo exemplo é o caso de Masscob, dabondo coñecida no panorama nacional, cunha mestura de pezas clásicas e contemporáneas atemporais. A súa tenda, da rúa Picavia 1, é xa un referente para as/os amantes da moda.

Knitbrary é outra das firmas coruñesas que están a marcar tendencia. O estudio da rúa Orzán de Yolanda Estévez e Pedro Casteláns conta cun claro sinal de identidade, pezas de punto tecidas artesanalmente con fiados de alta calidade.

Como capital da moda A Coruña viu nacer proxectos téxtiles singulares como é o showroom Bëlasabela, de Paula Núñez, que comezou nun primeiro piso ao máis puro estilo neoiorquino. Agora podémola atopar na rúa Emilia Pardo Bazán.

Xoierías e vestidos de noiva

As xoias non son unha excepción no berce da moda galega. Carla Barral e Javier González crearon Rígido Jewelry, unha marca baseada en pezas genderless nas que destaca a beleza da propia imperfección que lle confire a artesanía. Tamén no mundo da bixutería destaca Sansoeurs, creada polas irmás Sánchez, que converteron as súas pezas nunha das firmas máis innovadoras do panorama internacional. Na Coruña a súa boutique está na rúa Juana de Vega.

A poucos metros sitúase outra das marcas made in Coruña creada por José Antonio Conde nos anos noventa, Alba Conde. Os seus vestidos, de liñas finas e elegantes xa se expanden por todo o globo.

Outro dos grandes atractivos da moda coruñesa é o deseño de vestidos de noivas. Especial mención merece 6ème galerie, cunha formulación baseada en produtos reutilizables, que se poderán utilizar alén das nupcias e cun toque prêt-à-porter.

Gana de máis? Catro recomendacións extra para todas as ocasións

Para as e os trend hunters chegados de todo o mundo é recomendable a firma de Noela Rivera, Nonne. Esta firma coruñesa, situada na rúa Juan Flórez, é coñecida polos seus deseños versátiles de fabricación tradicional.

Outra das propostas máis rechamantes é Nael Swimwear, situada na rúa Rei Abdulah, e ideada por Elvira Pesquera e Natalia Otero. Unha firma de traxes de baño e bikinis sostible para todo tipo de corpos. Igual de rechamante é a marca Blue Anemone, creación de Iría Sáez, cunha filosofía sostible na que as súas pezas pretenden evocar o espírito dos anos 60 e 70.

Unha visita obrigada para o visitante é o obradoiro Branqueta de Maialen. Pezas feitas artesanalmente coas súas propias mans, limitadas; non hai dúas exactamente iguais. Ademais, o taller ofrece unha experiencia única; remangarse e crear baixo a atenta mirada da deseñadora.

Continuando a viaxe pola artesanía, ningún visitante debería perderse as cerámicas de Sargadelos. A identidade galega ten aquí a súa maior expresión coa combinación do branco e o azul cobalto. Máis de 200 anos de tradición contémplanse no complexo Sargadelos impulsado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

Este tour polos espazos de moda é intenso, pero, sen dúbida, é un reto para os caza tendencias e amantes do deseño. Recomendámosche facer maridaxe con estas visitas nun descanso nas terrazas da Mariña cun bo viño branco e o marisco que chega directamente e a escasos metros da lonxa coruñesa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión