Para desconectar do mundo e respirar o aroma do Atlántico temos un pequeno segredo na Coruña, a visita ao Monte de San Pedro. O lugar ideal para podéreste relaxar e gozar do aire libre de todas as formas que poidas imaxinar.
Este parque era antigamente un punto defensivo reconvertido para o goce dos cidadáns e turistas desde o ano 1999. Conta cunha extensión de máis de 90.000 metros cadrados no que se poden realizar todo tipo de hobbies. Poderás desde voar unha cometa ata tombarte na herba ou contemplar o solpor. Ademais, conta cun grande aliciente turístico, as dúas pezas Vickers de máis de 17 metros de altitude, adquiridas en 1929 e instaladas en 1933.
Mais un dos atractivos principais do Monte de San Pedro son as súas evocadoras vistas. Por unha banda observarás o océano Atlántico e a liña de costa ata Arteixo e as Illas Sisargas que pertencen a Malpica de Bergantiños. E cara ao outro lado nun primeiro termo, a cidade e a costa Ártabra coa ría da Coruña, onde atoparemos Mera, Santa Cruz e a costa de Oleiros e, nun segundo termo, a ría de Betanzos, a ría de Ares, a ría de Ferrol e a costa ata o seu Porto Exterior. Terás que mirar o mapa para saber ata onde alcanza a túa vista!
Ascensor panorámico
Chegar ao Monte de San Pedro pode ser unha experiencia máis espectacular do que imaxinas. Ademais do acceso habitual a pé ou por estrada, un espectacular Ascensor Panorámico, a modo de gran bóla acristalada, permitirache ascender e descender desde o Paseo Marítimo ata unha cima con vistas privilexiadas á baía coruñesa.
PECHADO TEMPORALMENTE.
Unha vez arriba tamén atoparás o único miradoiro cuberto de 360 graos de toda España, a Cúpula Atlántica.
Unhas vistas Michelín
No alto do Monte, presumindo de contorna e vistas, atópase o restaurante con Estrela Michelín Árbore da Veira. Un espectacular espazo gastronómico que comparte tamén coa súa proposta máis informal, Taberna 5 Mares.