Despois da Torre de Hércules, o outro gran símbolo da Coruña son as galerías da Mariña, cuxa singular construción é motivo polo cal a cidade é recoñecida como "A cidade de cristal".
Este incrible conxunto arquitectónico acristalado edificouse en dúas fases: a primeira entre 1870 e 1876 e a segunda entre 1879 e 1884. De orixe humilde, e situadas no coñecido como barrio da Pescaría, os seus soportais tiñan como función o amarre de navíos, especialmente para a súa protección nos días de temporal. Ademais, as galerías formaban unha cámara térmica con múltiples utilidades: protexía a fachada da choiva, permitía a ventilación, captaba a calor no inverno e refrescaba as habitacións no verán. E o máis importante, permitía manter o contacto visual do interior ao exterior.
Aquelas antigas vivendas de pescadores transformáronse co paso dos anos pero manteñen a esencia dunha cidade que vive reflectida no Atlántico. E agora a vida mantense nas rúas, nas buliciosas terrazas, nos paseos da veciñanza e visitantes, nos xardíns próximos, nos coloridos barcos de pesca atracados no porto e nas actividades vinculadas ao mar.
Non perdas a oportunidade de sacares unha foto coas galerías de fondo!
Esta escenografía acristalada das galerías proporciónalles ás persoas visitantes un espello que recolle os reflexos da luz do día desde o amencer ata a caída da tarde, o que lle outorgou á Coruña o nome de Cidade de Cristal.