Concello da Coruña

Concello da Coruña

A Torre por dentro

Imaxe

As cámaras

As primeiras intervencións arqueolóxicas na Torre de Hércules producíronse a principios da década dos noventa grazas ao proxecto de restauración da Torre e a súa contorna, que convocou o Ministerio de Obras Públicas e que gañou o equipo dirixido por Pablo Latorre. O dito proxecto tiña como obxectivo a restauración do faro, coincidindo coa conmemoración do segundo centenario da reconstrución emprendida por Eustaquio Giannini e a súa reapertura ao público.

A Torre de Hércules conserva no seu interior o faro romano, organizado en tres niveis con catro cámaras por andar. Esta distribución quizais non sexa exclusiva do faro herculino porque noutros exemplos similares, como no desaparecido faro de Leptis Magna (Libia-África), parece existir unha distribución similar dos espazos interiores.

A comunicación entre as cámaras de cada un dos tres niveis facíase orixinariamente seguindo unha orientación transversal leste-oeste e sempre dous a dous, co fin de evitar que as catro estancias dun mesmo andar estivesen comunicadas e deste xeito dificultar a propagación dun hipotético incendio e, ao mesmo tempo, favorecer a resistencia en caso de ataques.

O ingreso desde o exterior a cada unha destas cámaras facíase a través das portas situadas na rampla helicoidal ascendente que envolvía a Torre e que permitía o ascenso ata a súa parte alta. Parece lóxico pensar que por esa rampla se subía o combustible que alimentaba o faro. O recurso da rampla exterior tamén está documentado no faro de Forum Julii ou Frejus.

Parte superior da Torre de Hércules

Museo Arqueolóxico

A escavación arqueolóxica

A pesar de que ata entón non se escavaran os cimentos da Torre, esta era unha vella reclamación que tanto Luis Monteagudo, director do Museo Arqueológico e Histórico da Coruña, como Theodor Hauschild, arquitecto e director do Instituto Arqueolóxico Alemán de Lisboa, demandaron.

Os traballos comezaron en xuño de 1992, baixo a dirección do arqueólogo Luis Caballero Zoreda, membro do equipo do proxecto de restauración da Torre, e José M. Bello Diéguez, avalado polo Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.

Grazas a esa intervención pódese establecer como data probable de construcción da torre a segunda metade do século I. Así mesmo obtivéronse interesantes pezas arqueolóxicas que hoxe se poden ver no Museo Histórico e Arqueolóxico do Castelo de San Antón.

Imaxe 3

Función

Pódese afirmar que a existencia de catro cámaras no interior do monumento ten unha funcionalidade estrutural, que se reforza co remate do edificio, composto por unha serie de perpiaños no chan da última planta, encastrados en forma de T. Estes perpiaños actúan como abrazadeiras de peche das bóvedas e dos muros. A Torre ten así unha gran robustez e estabilidade. Máis aló desta función estrutural, é posible tamén que as cámaras tivesen unha función ordinaria no día a día do faro, como espazos para almacenamento de provisións de diverso tipo, ou para dar acubillo a quen estivese encargado do seu funcionamento.

  • Obxectos arqueolóxicos

  • Escaleiras

    Imaxe

    Tras a desintegración do Imperio romano, a intensidade do tráfico marítimo reduciuse de forma moi considerable e a Torre foi perdendo o protagonismo que tivera como sinal marítimo, ata quedar relegada a unha torre de vixilancia ou a unha atalaia privilexiada desde a que se dominaba o golfo Ártabro. As grandes frotas que antano percorrían as costas da Gallaecia camiño de Britania desapareceron e con elas a luz do faro deixou de iluminar o perfil dos cantís do noroeste peninsular.

    Foi unha época de esquecemento e de abandono, durante a cal o faro se foi deteriorando gravemente e a rampla exterior que rodeaba o núcleo central e permitía o acceso á lanterna, así como as catro fachadas exteriores que a protexían, arruináronse. Os ventos, o salitre e as choivas que lle afectan a esta zona durante os temporais do inverno foron danando os morteiros dos muros, pero tamén a acción do home foi determinante porque durante esta épouca a Torre converteuse na canteira da cidade e os bloques de pedra que formaban a rampla e a súa estrutura foron extraídos un a un polas persoas que habitaban a zona para seren reutilizados na construción dos novos edificios que se estaban levantando daquela na cidade.

    A destrución da rampla ascendente que percorría o exterior da Torre de Heírcules, da que apenas quedaban restos á altura do século XIV, significou a desaparición da única vía de acceso á parte superior da construción e ás diferentes cámaras que se localizan no seu alzado.

    Cando a Torre recuperou a súa función como sinal marítimo, foi necesario habilitar un sistema para acceder á parte alta que permitise alimentar o faro. A solución adoptada foi a construción dunha escaleira interior que comunicase a base da Torre coa lanterna, aínda que para iso houbese que perforar algunhas das bóvedas romanas. Esta escaleira rudimentaria foi substituída durante a rehabilitación do século XVIII pola actual e robusta escaleira de pedra.

    Parte superior da Torre de Hércules

    Rotonda

    As escaleiras que discorren polo interior da Torre condúcennos ata o remate da estrutura romana, sobre a que se asentan os dous corpos octogonais que foron engadidos, na ampliación dirixida en 1789, polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini. Estes corpos asentáronse sobre a construción existente, e mantívose o que podería ser o chan orixinal que remataba a torre romana e onde se atopaba a rotonda que albergaba a lámpada.

    A restauración do faro impulsada polo Consulado do Mar e dirixida por Eustaquio Giannini, en 1789, tivo como obxectivo adaptar a construción ás novas técnicas de sinalización marítima, polo que substituíu a estrutura de remate da Torre por dous corpos octogonais dos cales o segundo concibiuse como unha lanterna e foi modificado anos despois.

    O primeiro corpo está ocupado pola chamada Sala Giannini, unha cámara octogonal con catro piares radiais que deixan espazo para un corredor e un banco corrido. A estancia cóbrese cunha falsa cúpula. Na parte alta dun destes piares o enxeñeiro encargado da rehabilitación do XVIII deixou constancia da súa intervención nunha inscrición que rezaba: "Dirixió esta obra el theniente de navío ingo ordinario de Marina D. Eustaquio Giannini".

    Fanal, a lámpada

    Imaxe

    O sistema de iluminación utilizado tras a restauración do faro no século XVIII seguía xerando severas críticas, polo que o Consulado do Mar decidiu melloralo e para iso enviou o capitán de navío José de Mendoza a Londres, para que se informase da posibilidade de modernizar a iluminación a través dun sistema de escintileos xiratorios, alimentado con aceite. A finais de 1799, o novo sistema chegou á cidade. O seu alto custo obrigou o Consulado a facer unha colecta popular para sufragar parte dos gastos.

    Para colocar o novo sistema de iluminación marítima era necesario introducir algúns cambios no corpo de remate da Torre. Miguel de Hermosilla, o enxeñeiro comandante do reino, solicitou os servizos de Eustaquio Giannini para que introducise as reformas pertinentes no corpo de remate. Basicamente esas modificacións consistiron en desmontar a cúpula e asentar sobre eses muros a base para un fanal de 3,20 m de diámetro.

    As grandes ventás da lanterna, carentes agora de función, tapiáronse, e construíuse unha escaleira interior para acceder á lámpada e outra de caracol exterior, que desemboca no balcón superior e que queda oculta baixo un cilindro con remate troncocónico que lle deu o característico perfil á Torre e que serviu para colocar o pararraios.

    Sinaturas

    Inscrición Caius Sevius Lupus

    Todo fai pensar que a Torre de Hércules foi proxectada polo arquitecto Gaio Sevio Lupo, procedente da Lusitania, que deixou aos pés da Torre unha inscrición conmemorativa.

    Esta consérvase na plataforma que serve de base ao monumento, protexida por unha pequena construción de principios do século XIX.

    A inscrición que foi transcrita por diversos autores reza:

    • MARTI /
    • AUG[USTO] SACR[UM] /
    • C[AIUS] SEVIUS /
    • LUPUS /
    • ARCHITECTUS /
    • AEMINIENSIS /
    • LUSITANUS EX VO[TO]

    É dicir, "Consagrado a Marte Augusto. Gaio Sevio Lupo, arquitecto de Aeminium (Coimbra) Lusitano en cumprimento dunha promesa".

    Por outra banda, sobre un dos alicerces da planta máis alta da Torre, Eustaquio Giannini, responsable da rehabilitación do século XVIII, deixou constancia da súa intervención nunha inscrición que rezaba: "DIRIXIÓ ESTA OBRA O THENIENTE DE NAVÍO INGO ORDINARIO DE MARIÑA D. EUSTAQUIO GIANNINI". Resulta significativo que o enxeñeiro quixese que se lembrase o seu nome e que recorrese para iso a unha solución similar á adoptada polo arquitecto Gaio Sevio Lupo, cando dispuxo a súa inscrición conmemorativa aos pés da Torre.

    A Torre de Hércules tivo diferentes nomes ao longo da súa historia. En época romana coñecíase como Farum Brigantium, en época medieval como o Faro ou Castelo Vello e na Idade Moderna como Torre de Hércules. Esta denominación está baseada na lenda que recolleu o Rei Alfonso X o Sabio na súa Historia de España (s. XII) na que vencella a construción da Torre coa vitoria do heroe Hércules sobre o xigante Xerión.

    Que che parece esta sección?

    -101-101-101

    Síguenos en

    Iniciar sesión