Na primavera, verán, outono e, por suposto, durante o Nadal! A Coruña é un destino ideal para visitar en calquera ocasión, por iso deixámosche uns consellos para que goces da nosa cidade durante esta época chea de maxia e ilusión.
Cando aterres na Coruña (e cando xa esteas acomodado ou acomodada na cidade) recomendámosche que dediques unha mañá para visitar dous dos mercados máis emblemáticos da cidade: o de San Agustín e o de Eusebio da Guarda-praza de Lugo. O de San Agustín, coa súa espectacular cuberta parabólica, converteuse en todo un símbolo da modernidade nos anos 30 e o da praza de Lugo é un dos máis famosos de España polos seus peixes e mariscos, tan cobizados para estas datas. Ademais, poderás ver en directo como actúan os praceiros e praceiras, cheos de enerxía e entusiasmo que seguro que che sacarán máis dun sorriso.
De todos os xeitos, a praza de Lugo tamén é un dos puntos turísticos máis visitados da cidade ao estar situado nunha das principais zonas comerciais da cidade. Así, tanto no propio espazo, como nos arredores, poderás atopar roupas de primeiras marcas e de ateliers máxicos que reforzan aínda máis A Coruña como cidade de moda.
Feira Artesá de Nadal
Do 20 de decembro ao 5 de xaneiro poderás gozar da mellor artesanía local nos Xardíns de Méndez Núñez grazas á primeira edición da Feira Artesá de Nadal, un evento organizado pola Asociación Galega de Artesáns en colaboración co Concello da Coruña.
A inauguración oficial está prevista para o venres 20 de decembro ás 12.30 horas. A feira está aberta ao público en horario de 12.00 a 21.00 horas ininterrompidamente, podendo así coñecer máis de preto un amplo abano de oficios tradicionais relacionados co patrimonio cultural de Galicia como a cerámica, a xoiaría ou a fabricación de instrumentos musicais.
Sente a maxia na rúa Real
Esta rúa peonil forma parte da historia da Coruña, e ademais de realizar as túas compras nela poderás gozar de edificios únicos que mesturan modernismo e galerías. Unhas vistas únicas que adquiren un carácter máxico grazas á gran cortina aérea de luces cálidas que cobre a rúa durante estas datas.
Ademais, ao acabar a rúa Real verás o Teatro Rosalía, que acolle múltiples funcións e ciclos, e se segues pola rúa Rego da auga poderás chegar ata a histórica praza de María Pita .
Un belén histórico
Ao chegar á praza de María de Pita, aconsellámosche que entres no interior do Palacio Municipal para sorprenderte cun belén único e conformado por máis de 250 figuras históricas relacionadas coa cidade e a súa cultura como é o caso de Breogán, María Pita, Pablo Picasso, María Casares, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Arsenio Iglesias, Mauro Silva, Isaac Díaz Pardo ou Luísa Villalta.
Este ano o Belén Municipal inaugurarase o 13 de decembro e estará dedicado ao cantante Sito Sedes.
Chocolate con churros
Sobra dicir que A Coruña é coñecida pola súa excelente gastronomía, sendo todo un referente no norte de España. Restaurantes con Estrela Michelín, Sol Repsol ou outros recoñecementos de prestixio comparten espazo con locais de toda a vida onde a comida tradicional sempre triunfa. Pasea pola rúa da Estrela, Olmos, Galera, a Barreira, a Franxa ou Torreiro para entrar no núcleo gastronómico herculino.
Iso si, non podes marchar da nosa cidade sen probar o famoso chocolate con churros de locais como El Timón ou Bonilla a la vista. Ambos os establecementos son toda unha icona na cidade e é moi frecuente que nos días fríos de inverno se formen ringleiras para entrar e degustar este doce manxar.
Para máis plans de lecer e lúdicos, non dubides en consultar nosa guía de lecer.
DOMUS
Museos en familia
A Coruña conta cunha rede de museos envexable. Ao Museo de Belas Artes, ao MEGA (Mundo Estrela Galicia, o único museo de España dedicado á cervexa) ou ao Militar únense os científicos: o MUNCYT, a Casa das Ciencias, a DOMUS (o primeiro museo interactivo do mundo) e o Aquarium Finisterrae.
Se viaxas con nenos, non dubides en visitar algún destes espazos de coñecemento onde a diversión estará garantida.
A cuarta exposición promovida pola Fundación Marta Ortega Pérez (Fundación MOP) poderá visitarse ata o 1 de maio de 2025 no peirao de Batería.
'Irving Penn: Centennial', creada por The Metropolitan Museum of Art de Nova York en colaboración coa Fundación Irving Penn, é a retrospectiva máis completa deste mestre da fotografía presentada ata a data en España.
O Peirao de Batería acolle esta mostra formada por máis de 160 fotografías e outras pezas únicas realizadas entre finais dos anos 30 e a primeira década do século XXI.
Do 23 de novembro e ata o 1 de maio de 2025, vive unha experiencia artística única na Coruña.
As imaxes que aparecen neste artigo son cortesía da Fundación MOP.
Cabalgata de Reis_Foto arquivo 2024
A Coruña 2025: empeza o ano con bo pé
Novo ano, novos propósitos e novas propostas para este 2025. E é que durante o pasado ano esprememos a nosa cultura de vivir ao máximo co obxectivo de que todos e todas vós formásedes parte dela.
Así que, se aínda non tiveches a oportunidade de coñecernos, ou se xa tes anotada A Coruña na túa lista de cidades que visitar este ano, consulta todos os meses a nosa guía de lecer e redes sociais para non perderes nada.
Polo momento, deixámosche algúns plans para empezar o ano con bo pé.
Fogueiras de San Xoán. Foto arquivo 2024