Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de maio de 2024

Á venda as entradas para o concerto do Christian McBride Quintet, prato forte do Festival Internacional +QJazz que terá lugar na Coruña no mes de xullo

McBride, gañador de oito premios Grammy, será o gran protagonista da xornada de clausura do festival, que terá lugar no Teatro Colón

Comeza a conta atrás para a nova edición do Festival Internacional +QJazz, unha iniciativa cultural que terá lugar a inicios de xullo e que, un ano máis, traerá á Coruña a grandes referentes da escena jazzística internacional, nacional e galega, unha programación froito da estreita colaboración entre o Concello e as principais salas de música en directo da cidade.

Hoxe saíron á venda as entradas para un dos concertos máis agardados desta edición do festival: o que interpretará o Christian McBride Quintet no Teatro Colón o martes 9 de xullo, ás 21.00 horas. Será na xornada de clausura do festival.

McBride, baixista, compositor e director de banda gañador de oito premios Grammy, estará acompañado na Coruña de catro talentos emerxentes: a saxofonista Nicole Glover, a guitarrista Ely Perlman, o pianista Mike King e a baterista Savannah Harris.

Os pases para a actuación, cun custo de 25 euros, xa se poden adquirir a través da páxina web de Ataquilla e tamén nos despachos de billetes da praza de Ourense e o propio Teatro Colón. Haberá descontos especiais para familia numerosa, as persoas maiores de 65 anos, as que estean en situación de desemprego e tamén para aquelas que posúan o Carné Xove.

A programación do festival, día a día

O Festival Internacional +QJazz abrirase na praza de Azcárraga o día 2 de xullo (21.00 horas), coa Tia Carroll Band, encabezada por unha das cantantes máis carismáticas e respectadas da actualidade nos xéneros do blues e o soul. Tia Carroll, integrante do Salón da Fama do Blues, inspira o seu traballo en lendas coma Tina Turner e Aretha Franklin.

Xa o día 3 de xullo, en dúas quendas (21.45 e 23.00 horas) no Jazz Filloa, será o turno de Verónica Ferreiro e Javier Sánchez, dous músicos que se adentran nunha mestura de jazz, folk e música clásica. Ferreiro, coruñesa residente en Madrid, presentará o seu novo traballo 'Camiño'.

A programación do +QJazz continuará o 4 de xullo na sala Mardi Gras (21.30 horas), coa actuación da Joe Lastie's New Orleans Sound. Lastie, criado nunha saga familiar de grandes artistas á batería, acompañou durante a súa traxectoria a Irma Thompson, Allen Toussaint e The Blind Boys of Alabama, entre outros.

O festival seguirá o venres 5 co concerto do James Carter Organ Trio no Garufa Club (22.00 horas), onde tamén terá lugar a actuación de Los Hot Chocolates xa o sábado 6 (22.30 horas).

O peche desta edición do +QJazz correrá xa a cargo do Christian McBride Quintet, o martes 9 de xullo (21.00 horas), no Teatro Colón.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión