8 de marzo de 2025
Ata finais de abril, haberá catro percorridos guiados pola exposición, de balde
A mostra, que conmemora o 175.º aniversario da Real Academia Galega de Belas Artes, percorre a historia común que vincula a institución e a cidade desde mediados do século XIX ata a actualidade
O Concello organiza, en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes, catro visitas guiadas á exposición 'A cidade das artes', unha mostra aberta á cidadanía no Kiosco Alfonso que conmemora o 175.º aniversario da RAGBA, cun percorrido artístico e documental pola historia que conecta a institución e a cidade desde a fundación da Real Academia no ano 1849, ata a actualidade.
A mostra está composta por 150 pezas que son obra de membros da Real Academia e estudosos das artes do país, pezas que integran sete seccións que representan, precisamente, as que compoñen a Real Academia: pintura e gravado, escultura, arquitectura, música, arqueoloxía, museoloxía e artes da imaxe.
"Agora, co obxectivo de reforzar a súa difusión e visibilizar o legado histórico da Real Academia, impulsamos esta quenda de percorridos guiados cos que tamén queremos contribuír a visibilizar o traballo das académicas", expuxo o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, que fixo especial fincapé nesta proposta coincidindo coa posta en marcha dos actos conmemorativos e a programación de actividades que promove o Concello polo 8-M, Día da Muller.
Catro percorridos guiados entre marzo e abril
O calendario de percorridos guiados arrincará o vindeiro venres 14 marzo. Será a primeira data dun total de catro, sempre en venres (28 de marzo, 11 de abril e 25 de abril) nos que as persoas inscritas poderán coñecer polo miúdo os contidos da mostra 'A cidade das artes'.
Todas as visitas serán ás 18.00 horas no Kiosco Alfonso.
As persoas interesadas en solicitaren praza para participaren nos percorridos guiados deberán remitir un correo electrónico ao enderezo kioscoalfonso@coruna.gal e indicar o día da visita escollida e mais o nome das persoas asistentes.
24 de abril de 2025
10 de abril de 2025
9 de abril de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible