Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de setembro de 2024

O Concello acometerá en outubro a renovación do firme na rotonda de acceso a Durmideiras e no treito do Paseo Marítimo que conecta coa Cidade Deportiva da Torre

Ademais, aproveitando a intervención, está previsto elevar un paso peonil situado fronte á residencia de terceira idade Torrente Ballester. Desta forma, reforzarase a seguridade nun dos accesos principais ao edificio

Durante o vindeiro mes de outubro, o Concello iniciará os traballos para renovar o firme na rotonda de acceso a Durmideiras e Santo Amaro, así como no treito do Paseo Marítimo que conecta coa Cidade Deportiva da Torre - Arsenio Iglesias.

Esta intervención lévase a cabo a instancias das solicitudes veciñais polo estado actual do asfalto, erosionado polo paso do tempo e o tránsito habitual de vehículos. As obras de mellora executaranse nos carrís de circulación da propia glorieta e tamén no sector do paseo que chega ata a rotonda de acceso á Cidade Deportiva, tanto en sentido de ida como de volta. Seguindo o criterio establecido polo Goberno municipal para todas as obras de mellora de firmes que se levan a cabo no paseo, os carrís do tranvía que discorren por ese tramo quedarán soterrados con esta actuación.

Ademais, tamén se actuará sobre un pequeno treito da avenida de Navarra, no sector previo ao desvío cara á rolda de Monte Alto, onde ao igual que nos demais espazos de intervención se renovará por completo o asfalto.

En total, o Concello prevé un investimento de máis de 180.000 euros para completar a actuación, necesaria ante o estado actual do firme nestas localizacións.

O paso peonil fronte á residencia Torrente Ballester pasará a ser elevado

A renovación do asfalto tamén chegará á rúa Manuel García Canzobre, onde se actuará sobre a totalidade da estrada, nun percorrido de 200 metros, partindo desde a Fonte de Santo Amaro ata chegar á rotonda de acceso a Durmideiras.

Esta actuación aparellará, a maiores, a elevación dun novo paso peonil en elevación existente a medio camiño da rúa Manuel García Canzobre, unha medida necesaria para pacificar o tráfico rodado e reforzar a seguridade das peoas e dos peóns nun dos accesos principais á residencia de terceira idade Torrente Ballester.

A mellora da mobilidade en Durmideiras, un compromiso do Goberno de Inés Rey

Os traballos na rotonda do Paseo que conecta con Durmideiras e Santo Amaro forman parte do plan especial de melloras previsto polo Goberno de Inés Rey no barrio e a súa contorna.

Este plan inclúe por exemplo, iniciativas xa executadas, como a que impulsou o pasado verán o Servizo municipal de Mobilidade entre as rúas Regata Cutty Sark e Juan Sebastián Elcano, onde se levaron a cabo traballos de sinalización horizontal para reordenar a área de estacionamento alí existente, clarificando a dotación real de espazos de aparcamento neste enclave, onde o estacionamento de turismos é moi habitual tanto na tempada estival como na realización de eventos deportivos na contorna da Torre e o paseo marítimo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión