Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de agosto de 2024

O Concello solicita que San Agustín obteña o Selo de Mercado Excelente, que distingue ás prazas de abastos de máis prestixio en Galicia

Tras meses de traballo, o Goberno de Inés Rey presentou na Xunta a memoria de actuacións subvencionables no mercado municipal, que inclúe accións de formación para as praceiras e praceiros

O Concello da Coruña presentou hoxe á Xunta a solicitude para subvencionar diversas actuacións formativas e de consultoría no mercado municipal de San Agustín, unha iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey busca posicionar a instalación para obter o Selo de Mercado Excelente, que distingue ás prazas de abastos de máis prestixio e cos máis altos estándares de calidade de Galicia.

Esta medida forma parte do plan de impulso que o Concello está a promover na rede de mercados municipais da Coruña. San Agustín é, pola súa singularidade arquitectónica, funcional e turística, un espazo comercial moi especial no ámbito PEPRI, entre a Cidade Vella e a Pescaría, e a súa inclusión na Rede de Mercados Excelentes a escala autonómica intúese como unha grande oportunidade para posicionar e visibilizar o mercado e tamén a súa contorna, por onde pasan a diario visitantes nacionais e internacionais.

A alcaldesa, Inés Rey, lembrou hoxe que "o Concello destinou no pasado mandato unha partida de máis de 800.000 euros, cofinanciada con fondos Eidus, para acometer a reurbanización dos espazos públicos exteriores do mercado", co obxectivo de integralos en sintonía coa configuración da propia praza de abastos, onde cada ano desenvólvense eventos coma o festival Mar de Mares, o Rebel Wine Fest e o Mercado das Nubes, e que neste 2024 abriu as súas portas por primeira vez á XVI Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo.

Neste sentido, o Concello traballou nos últimos meses na elaboración dunha memoria que recompila todas as actuacións e o balance de intervencións urbanísticas e iniciativas comerciais, económicas e de ocio que se levaron a cabo en San Agustín nos últimos anos, o que sustenta a solicitude das subvencións á Xunta para sufragar, por exemplo, un plan de accións orientativas para as praceiras e praceiros de San Agustín, con 37 profesionais tras os postos actualmente. Entre as propostas de formación hai apartados asociados á fase de etiquetaxe de produto, facturación e tamén en clave de imaxe, así como no referente á mellora dos servizos á clientela. Os obxectivos? Ofrecer un servizo de aínda maior calidade, maximizar o percorrido das e dos clientes polas superficies de venda e optimizar os espazos dispoñibles, evitando a existencia de espazos infrautilizados.

Ademais, tamén se busca subvencionar actuacións para executar un estudo de mercado de San Agustín, o que permitiría, entre outras cousas, a posta en marcha dunha estratexia de redimensionamento dos usos na instalación e tamén deseñar as futuras liñas de traballo no referente á oferta e demanda que se prevé no mercado de cara ao futuro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión