Concello da Coruña

Concello da Coruña

Concello da Coruña

Aquarium Finisterrae

O Aquarium Finisterrae é un centro público de ciencia dedicado á educación ambiental e a divulgación científica de temas mariños.

O terceiro dos Museos Científicos Coruñeses ten por obxectivo promover o coñecemento do océano e educar actitudes de agarimo cara ao mar e a vida mariña. Foi creado polo Concello da Coruña o 5 de xuño de 1999.

O Aquarium Finisterrae conta con catro salas de exposicións, cada unha con personalidade propia, e unha colección biolóxica composta por máis de trescentas especies diferentes.

EXPOSICIÓNS

> SALA ISABEL CASTELO

Está dedicada a exposicións temporais con sorprendentes imaxes de natureza e medio ambiente. O seu contido renóvase varias veces ao ano.

> SALA MAREMAGNUM

É o núcleo educativo do Aquarium. Ademais de grandes acuarios, contén a OceanoSfera e decenas de elementos museísticos que propoñen experiencias interactivas.

> SALA HUMBOLDT

Dedicada a grandes exposicións temporais monográficas. O seu contido renóvase con periodicidade.

Actualmente esta sala presenta «Sexo azul», unha exposición interactiva que trata sobre a reprodución sexual dos seres vivos que viven na auga. Está formada por vinte módulos que conteñen seres vivos, pezas de museo, modelos, pantallas táctiles, xogos, aparellos interactivos e ilustracións.

> SALA NAUTILUS

É a sala máis espectacular do Aquarium Finisterrae. Deseñouse para ofrecer unha experiencia emocional única. Está mergullada nunha gran piscina de cinco millóns de litros de capacidade e a súa decoración lembra a do gabinete do capitán Nemo a bordo do submarino Nautilus. Ao redor da sala nadan os peixes de maior tamaño do acuario, como as quenllas, corvinas, seriolas, douradas, robalizas e meros. Tamén hai cardumes de xardas e xurelos. Periodicamente, en sincronía cunha música composta especificamente para esta sala por Luis Delgado, ilumínase a zona central, que alberga unha colección de diversos obxectos antigos relacionados co mar.

> TERRAZAS EXTERIORES

Completan a oferta museográfica do Aquarium. Nelas exponse a áncora do buque petroleiro Mar Exeo, que o 3 de decembro de 1992 encallou fronte á Torre de Hércules e provocou unha marea negra; o Xardín Botánico, con plantas do litoral galego; o Paraíso Mariño, que recibe auga directamente do mar e onde viven tres machos de Phoca vitulina, e o Piscinarium, outra piscina de gran volume onde se atopan oito femias da mesma especie de foca.

ACTIVIDADES

Actividades e obradoiros dos que poden gozar as persoas que visitan o Aquarium Finisterrae.

  • Alimentación no Nautilus. As persoass visitantes poden observar a alimentación dos habitantes do Nautilus, entre os que se inclúen diferentes especies de quenllas como o touro e as musolas. Todos os luns, mércores e venres ás 11.30 h.
  • Alimentación de focas. Unha actividade na que o público pode contemplar a rutina da alimentación das focas do Aquarium a cargo das súas persoas coidadoras. Todos os días ás 12.00 e ás 17.00 h.
  • Monólogos no Aquarium. Charlas breves, duns 10 minutos, sobre a bioloxía e curiosidades dalgunhas das especies máis populares do Aquarium (polbos, cabaliños de mar, axolotes, medusas...), ofrecidas polo persoal de atención ao público. Os días 23, 26, 27 e 30 de decembro ás 13.00 e ás 18.00 horas. Os días 21, 22, 28, 29 de decembro, 4 e 5 de xaneiro, ás 18.00 horas. Os días 24 e 31 de decembro, 2, 3 e 7 de xaneiro ás 13.00 horas.

Estas actividades non teñen un custo adicional. Están incluídas no prezo da entrada que cada persoa deba aboar para visitar o Aquarium Finisterrae.

HORARIO

> INVERNO (xaneiro e febreiro)

Luns a venres: das 10.00 ás 18.00 h*

Sábados, domingos e festivos: das 11.00 ás 19.00 h*

*O acceso péchase unha hora antes.

1 e 6 de xaneiro: pechado

> PRIMAVERA (marzo a xuño)

Luns a domingo: das 10.00 ás 19.00 h*

*O acceso péchase unha hora antes.

> VERÁN (xullo e agosto)

Luns a domingo: das 10.00 ás 20.00 h*

*O acceso péchase unha hora antes.

> OUTONO (setembro a decembro)

Luns a domingo: das 10.00 ás 19.00 h*

*O acceso péchase unha hora antes.

24 de decembro: das 10.00 ás 14.00 h

25 de decembro: pechado

31 de decembro: das 10.00 ás 14.00 h

ENTRADAS

>> As entradas adquírense na recepción do Aquarium Finisterrae.

Se queres comprar entradas con antelación, podes facelo aquí. Nestes momentos só se poden comprar entradas de tarifa xeral. As entradas de tarifa reducida, gratuíta, Bono 3 Casas, e Tarxetas Vente débense mercar na recepción do museo. 

> Xeral: 10,30 euros

> Reducida*: 4,12 euros

*Menores de 16 anos; maiores de 65; persoas desempregadas, tras a presentación de documento acreditativo; Carné Xove, carné de estudante e membros de familias numerosas, tras a presentación do documento acreditativo.

> Gratis

  • Festivos locais do Concello da Coruña (13 de febreiro e 24 de xuño de 2024, con reserva previa de entradas en liña, cun máximo de 3 días de antelación)
  • Día da Ciencia na Rúa (4 de maio de 2024, con reserva previa de entradas en liña, cun máximo de 3 días de antelación)
  • Día dos Museos (18 de maio de 2024, con reserva previa de entradas en liña, cun máximo de 3 días de antelación)
  • 8 de xuño de 2024. Xornada extraordinaria de portas abertas con motivo do 25 aniversario do Aquarium Finisterrae. (Con reserva previa de entradas en liña, cun máximo de 3 días de antelación).
  • Semana da Ciencia (do 9 ao 17 de novembro de 2024, con reserva previa de entradas en liña, cun máximo de 3 días de antelación)
  • Persoas con discapacidade
  • Menores de 4 anos
  • Guías turísticos/as no desenvolvemento das súas tarefas, tras presentar o carné acreditativo
  • Persoal docente, debidamente acreditado
  • Estudantes da Universidade da Coruña, tras a presentación do carné acreditativo
  • Xornalistas, debidamente acreditados/as
  • Membros da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias
  • Membros da Asociación Española de Museólogos e da Federación Española de Amigos dos Museos

> Bono Tres Casas: 12,36 euros

> Tarxeta Vente: 20,60 euros

> Tarxeta Vente Mini*: 10,30 euros

*Menores de 16 anos e maiores de 65

  • Bono tres casas: permite o acceso ás salas de exposicións da Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae (só un acceso por museo). É necesario conservar o bono en perfecto estado. Debe adquirirse na recepción da Casa das Ciencias, da Domus ou do Aquarium Finisterrae.
  • Tarxetas Vente e Vente Mini: son nominativas. Permiten o acceso ás salas de exposicións da Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae durante un ano natural que se conta dende a data de emisión (sen límite de accesos) e será necesario presentar o DNI cada vez que se utilicen. Véndense na recepción dos tres museos.

VISITAS ESCOLARES

Se queres visitarnos cun grupo escolar, consulta toda a información aquí.

Documentos relacionados

  • Plano contidos Aquarium Finisterrae (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión