13 de junio de 2024
Gonzalo Castro, concelleiro de Fomento e Promoción da Cidade, destacou a ampla variedade da programación cultural da cidade
A Tempada Lírica 2024 de Amigos da Ópera da Coruña presentou hoxe a súa programación que comezará en setembro e que virará ao redor da figura e obra de Giacomo Puccini no ano no que se celebra o centenario do seu falecemento. O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade e responsable de Cultura, Gonzalo Castro, foi o encargado de dar a coñecer as diferentes actuacións previstas. "O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta pola programación lírica, xa que consideramos que enriquece o gran abano cultural que temos na Coruña", sinalou Castro.
A tempada comezará cunha dobre representación da Bohème e finalizará tres meses despois cunha gala de clausura de temática pucciniana. En todo este tempo desenvolveranse óperas, concertos, recitais, conferencias, proxeccións de óperas e películas e presentacións de libros.
O 8 e 10 de setembro o Palacio da Ópera será o espazo no que se poderá volver ver na Coruña, tras 17 anos, 'La Bohéme' título co que se inicia o recordo a Puccini. Ademais, significará o regreso á tempada do tenor Celso Albelo, no rol de Rodolfo, e no de Mimi estará Miren Urbieta-Vega, coprotagonista do peche de tempada 2023. O resto do elenco o conforman Massimo Cavalletti, Helena Abad, Manuel Mais, Simón Orfila, Pablo Carballido, Jacobo Rubianes e Alfonso Castro. Unha produción chegada do Luglio Musicale Trapanese, coa dirección de escena con Danilo Coppola. A Orquestra Sinfónica de Galicia estará dirixida por José Miguel Pérez- Sierra, nunha montaxe que contará cos coros Gaos e Cantabile.
A programación en torno ao autor italiano completarase coa conferencia previa que dará Irene de Juan Bernabeu, na sala de prensa de Afundación o 6 de setembro ás 19 horas.
Neste mesmo espazo realizaranse as proxeccións das óperas 'Manon Lescaut', 'Edgar' e 'Fanciulla del west' os días 10,17 de outubro e o 8 de novembro respectivamente. En novembro a Filmoteca de Galicia será o espazo no que se proxectarán os filmes: 'La Bohème, Puccini' e 'Hechizo de luna que se poderán ver os días 7, 21 e 28.
Gala de clausura
A homenaxe finalizará o mesmo día no que se conmemora o centenario, o 29 de novembro coa Gala de Clausura cunha selección de arias e obras orquestrais de Puccini protagonizada pola soprano Hui Hei, especialista e gran coñecedora da obra do autor. Xunto a ela a Orquestra Sinfónica de Galicia estará dirixida por Beatrice Veneci, directora artística da Nova Orquestra da Toscana.
Isto é o principio e o final, pero ao longo destes tres meses a programación completarase cunha ampla axenda de actividades. O barítono coruñés Javier Franco, xunto a José Ramón Martín ao piano, ofrecerá un programa de canción galega e zarzuela. Será o 15 de setembro no Teatro Rosalía de Castro.
L´elisir d´amore
Neste mesmo mes de setembro representarase a segunda das óperas da tempada, 'L´elisir d´amore', que se representará os días 27 e 29. O Teatro Colón acollerá a produción do Teatro Trapanni que dá unha visión da obra desde o punto de vista de Botero, no primeira aniversario do falecemento do artista plástico.
Para dar vida a Adina estará a soprano Ruth Iniesta, que chega á Coruña tras os éxitos cultivados nos últimos anos, sendo a última gañadora do premio Talia na categoría de Mellor Intérprete Feminina en Lírica.
O rol de Nemorino será realizado por Ramón Vargas, que regresa á cidade despois da súa única visita realizada en 2015 canto protagonizou un recital que foi aplaudido por crítica e público. O elenco da obra de Donizette completaranse con Damián del Castillo, Luis Cansino e Susana Garcia. No foso a Orquestra Sinfónica de Galicia será dirixida por Guillermo García Calvo, mentres que a escena discorrerá segundo Victor García Sierra.
Marko Mimica
O baixo barítono croata Marko Mimica actuará por primeira vez na Coruña o 23 de outubro. No Teatro Rosalía de Castro presentará o seu programa 'Long time ago'. O público terá a oportunidade de gozar coa interpretación do artista de cancións rusas e americanas que se completará cun repertorio camerístico francés. Estará acompañado ao piano polo músico cubano Marcos Madrigal.
Curso con Carlos Álvarez
O mes finalizará co comezo dunha nova edición do curso de interpretación vocal que en está ocasión estará a cargo de Carlos Álvarez. O barítono substituirá a Mariella Devia e Fiorenza Cedolins responsables nas últimas tempadas. Unha vez máis, ao longo de cinco días, novos artistas terán a oportunidade de mellorar as súas técnicas no escenario. Proximamente abrirase o prazo de inscrición para os interesados para asistir tanto como estudantes ou como oíntes ao curso que se realizará no Conservatorio Superior de Música da Coruña.
O curso finalizará o 5 de outubro coa realización dun concerto no que todo o alumnado presentarase ante o público no Auditorio de Afundación. Desta cita sairá seleccionado o cantante que protagonizará uns dos recitais de lírica inclusiva 2024.
Lírica inclusiva
O ciclo de lírica inclusiva co que a Asociación leva mais dunha década apostando por novos talentos e por aproximar esta arte a toda a cidadanía regresa un ano máis á programación. O día 11 Andrea Varela estará na Fundación Padre Rubinos; o 18 Rocio Faus estará na Centro Cívico de Monelos e o 25 o artista seleccionado no curso de Interpretación Vocal protagonizará o recital programado no Centro Cívico de Labañou.
Esteno absoluto: Pálido punto azul
A tempada continuará coa estrea absoluta da obra: 'Pálido punto azul', asinada polo compositor galego Javier Otero. O 12 de novembro no Teatro Rosalía de Castro o público terá a oportunidade de ver por primeira vez esta obra colectiva na que se unen diferentes expresións artísticas que segundo asegura o seu autor xorde da necesidade de "mirarnos a nós mesmo".
Sobre o escenario estarán a soprano Adriana Laespada e a artista audiovisual María Llandera. O día anterior a sala de prensa de Afundación acollerá a conferencia que estará protagonizada polo propio autor: Javier Otero.
Más actividades
O 24 de outubro Afundación acollerá a presentación do libro de Manuel Rajal 'Historia de la ópera en viñetas'. Unha aproximación lúdica e para todas as idades á lírica. O 14 deste mes o mesmo espazo acollerá a proxección e posterior coloquio de 'Solo hay horizonte'. Unha ópera asinada por Juan Vara e trasladada ao cinema por Miguel del Río. Compositor e director uniranse neste espazo coruñés para dar conta desta obra.
Este mes completarase cos recitais do ciclo Novas Voces Galegas con Andrea Rey, que será o día 20 en Afundación e o día 22 con Mónica Redondo protagonizará o ciclo Xeración Ascendente, no Museo de Belas Artes da Coruña.
A presentación da Tempada Lírica, realizada no Teatro Colón da Coruña, contou coa presidenta da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, Natalia Lamas; o director artístico da Tempada, Aquiles Machado, así como co vogal da entidade Luis Loureiro.
26 de junio de 2024
19 de junio de 2024
18 de junio de 2024
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible