Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión

Cando:

6 de abril de 2025

Álvaro Presedo e Penélope Martínez gañan a carreira popular de Matogrande - Xuxán

Máis de 1.100 persoas participaron esta mañá na segunda proba desta tempada do circuíto Coruña Corre

Álvaro Presedo e Penélope Martínez foron os gañadores da proba absoluta da carreira popular de Matogrande - Xuxán, celebrada esta mañá cun percorrido que atravesou ambos os barrios e que partiu, por primeira vez, desde a contorna da gran praza central de Xuxán.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, acompañado esta mañá pola concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, foi o encargado de dar a saída da proba. Vázquez tamén participou na entrega de medallas ás e aos atletas vencedores, destacando que "o circuíto Coruña Corre é un dos grandes éxitos deportivos do Goberno de Inés Rey, mellorando ano a ano con novos percorridos e máis persoas participantes".

Este domingo, máis de 1.100 corredores e corredoras tomaron a saída nesta segunda data do circuíto. As boas condicións meteorolóxicas favoreceron o desenvolvemento da xornada, cun total de sete probas entre a absoluta e as categorías inferiores. 

Neste sentido, o percorrido da proba en categoría absoluta, dun total de 6.640 metros, atravesou tanto os dous barrios como parte do campus universitario de Elviña e a contorna de Someso. Na categoría masculina os tres primeiros clasificados foron Álvaro Presedo, Nuno Moure e Antón Gómez, mentres que na categoría feminina o podio estivo formado por Penélope Martínez, Inés Iglesias e Julia López.

Todos os resultados e estatísticas da carreira popular de Matogrande - Xuxán poden ser consultados na páxina web www.corunacorre.com

En maio, nova cita do calendario en San Pedro de Visma

O circuíto de carreiras populares Coruña Corre non se detén. Nos vindeiros días abrirase a inscrición na terceira cita desta tempada: a XVI Baixada Popular de San Pedro de Visma, que terá lugar o domingo 11 de abril.

Manuel Vázquez animou á cidadanía a participar nesta nova proba, que conta cun fermoso percorrido que pasa, entre outros puntos, polo parque de Bens e a súa contorna.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible